A CIG non asina o convenio de oficinas e despachos de Lugo porque non recupera salarios e elimina a antigüidade

O texto asinado pola UGT e a patronal segue mantendo as táboas no límite do SMI e suprime o complemento que permitía cobrar un 6% máis do salario base por cada trienio
Lugo - 02 Out 2026

A CIG non asinou o convenio colectivo de oficinas e despachos da provincia de Lugo -vencido dende 2011- porque consolida a pobreza salarial das persoas traballadoras do sector e, ademais, elimina dereitos retributivos xa recoñecidos como complemento de antigüidade, que desaparecerá dende 2027.

O convenio colectivo foi asinado en solitario o pasado 24 de setembro pola UGT e a patronal do sector. A escusa de UGT para aceptar este recorte de dereitos foi, supostamente, unha actualización dos salarios que, na práctica, non permite recuperar o poder adquisitivo perdido nestes anos, non xera atrasos e deixa as táboas salariais no limiar do SMI.

Nun sector caracterizado polas baixas retribucións, devindicar a antigüidade constituía unha parte importante da nómina, xa que até agora por cada trienio na empresa as traballadoras e traballadores percibían un 6% máis do seu salario base. “A partir do 31/12/2026 deixaranse de xerar novos trienios e o xa consolidado convértese nun plus ad personam non revalorizábel, polo que irá perdendo valor real co tempo. Ademais, a antigüidade acumulada até 2026 calcúlase sobre as táboas de 2011”, apunta Miguel Fernández, representante da CIG na mesa de negociación do convenio.

Sen atrasos reais

A isto súmase que non existen atrasos salariais reais de 2012-2025, “senón que se montan” unhas táboas cun incremento do 24,5% que non cubre o IPC deste período, que en Galiza acadou o 29,2%. Pero esa actualización, apunta Fernández, non ten carácter retroactivo e substitúese por unha prima única de 500€ para quen ten menos de 8 anos de antigüidade na empresa, 1.000€ para quen leve entre 8 e 15 anos e 1.500€ para as persoas con 15 ou máis anos de antigüidade. “Esta prima non ten carácter consolidábel e mesmo se exclúe a quen cobrase complementos superiores ao convenio neste período”, subliña.

Para o cálculo das táboas de 2026 aplícase un incremento do 10% “mais aínda así fican os salarios tan cativos que nalgunhas categorías quedan no límite do SMI e teñen que estabelecer especificamente no texto do convenio que en ningún caso serán inferiores a SMI + 1.000€ (que é o salario das categorías máis baixas para 2026)”.

Por exemplo, o representante da CIG explica que unha oficial de segunda terá como salario bruto anual en 2026 de 19.718,66€ e unha oficial de primeira de 20.712,58€. Ambas as dúas son categorías moi comúns neste sector.

“A pesar da propaganda que se queira vender, a realidade é que os salarios en oficinas e despachos para 2026 quedan moi baixos: a partir de SMI + 1.000€. E todo iso a cambio de deixar de devindicar antigüidade a dende xaneiro de 2027”.

Para o resto dos anos de vixencia (2027 e 2028), as subas pactadas son do 3% sen ningún tipo de cláusula de revisión, cando o IPC de setembro xa se disparou até o 4,9%.

Máis flexibilidade e polivalencia

Alén da materia económica, neste convenio tamén se introduce unha maior flexibilidade na distribución do traballo, amplíase a polivalencia funcional sen recoñecemento de categoría superior, e elimínase o sistema de ascensos por antigüidade.

Ademais estabelécense períodos de proba elevados que no caso dos contratos temporais pode alcanzar o 70% da duración inicial; permítese unha ampla marxe nas horas complementarias a tempo parcial, que poden chegar ao 50% das horas ordinarias contratadas; endurécese o réxime disciplinario e con conceptos abertos.

“En resumo, conclúe Fernández, o novo convenio mellora algo os salarios e reduce algo a xornada, máis introduce contrapartidas para a CIG inadmisíbeis como a desaparición da antigüidade, a ausencia de atrasos reais ou subas cativas para 2027 e 2028 sen cláusula de garantía a IPC. Alén de precarizar as condicións dándolle ás empresas maiores facilidades para distribuír a xornada e asignar máis funcións sen contraprestación económica”.