A CIG mobilízase pola readmisión dos despedidos en Rubí de Ourense por negarse a traballar en festivo
A federación de Industria de Ourense mobilizouse onte diante da empresa Rubí Galicia Auto Estampación, do grupo de automoción IPM-RUBÍ, con sede en Ribadavia, para reclamar a readmisión de dous operarios que foron despedidos por negarse a traballar en día festivo. Dende a central denuncian que a dirección botou man de falsidades para xustificar unhas rescisións de contrato que en realidade foron unha represalia contra estes empregados por reclamar melloras laborais.
Ao remate da protesta, durante a que se berraron consignas e se repartiron folletos informativos, deuse lectura a un comunicado no que se sinala que con este tipo de decisións a compañía, “habituada a explotar o persoal contratado por ETT”, pretende desfacerse dos traballadores/as fixos/as con máis antigüidade.
Neste senso, indican que en Rubí “hai unha carga de traballo brutal” que leva a que se traballe sábados, domingos es festivos, aínda que non o estableza o convenio do metal. “En ocasións avisan dun día para outro, e quen se nega é despedido”.
Lembran que as horas extraordinarias son voluntarias por lei, tal e como contempla o Estatuto dos Traballadores/as, “polo que houbo quen se negou a facelas e reclamou melloras laborais para todo o cadro de persoal”. En consecuencia, a dirección, vulnerando dereitos fundamentais, decidiu despedir como represalia “alegando falsidades e ignorando o réxime sancionador do convenio”.
Por iso consideran que “se permitimos que a empresa despida a quen esixe os seus dereitos estaremos baixo o seu látego para sempre, e todo irá a peor; por iso a CIG dará a batalla pola readmisión destes compañeiros”. Hoxe mesmo terá lugar o primeiro dos xuízos para reclamar a improcedencia dos despidos, mentres que o outro está previsto para xaneiro.