A CIG mobilizarase o 4 de outubro por convenio digno no servizo de axuda no fogar
A CIG ten convocada unha concentración para o vindeiro martes, 4 de outubro, ás 10:00 horas, en demanda dun convenio colectivo digno nos servizos de axuda no fogar e en resposta ás propostas patronais de consolidar a precariedade laboral e salarial. A protesta terá lugar diante da sede do Consello Galego de Relacións Laborais, coincidindo coa reunión da mesa de negociación.
A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, denuncia que a patronal está a trasladar na mesa de negociación ofertas que discriminan as traballadoras, xa que propoñen dúas táboas de incrementos salariais distintas, dependendo do tempo de duración do contrato administrativo.
Así, para as licitacións actuais propoñen unha suba do 6,5%, para 2022 e un miserento 1% para os anos 2023, 2024, 2025 e 2026. No caso dos contratos de nova adxudicación, o empresariado propón incrementos do 6,5%, para 2022, do 5,5% para o ano 2023, do 1,5% para os anos 2024 e 2025 e do 1% para 2026.
Deste xeito, se as traballadoras dun concello "teñen a sorte de que o contrato coa empresa adxudicataria remata este ano 2022, poderían ter un aumento dos seus salarios no ano 2023 do 5,5%. Pero nesta situación atópanse poucos contratos, polo que mentres non saia a nova concesión, as empresas só aplicarán un incremento do 1%", explica Fernández. Esta dobre escala salarial, claramente discriminatoria, podería levar a que en dous municipios limítrofes as traballadoras cobren de distinto modo polo simple feito de rematar antes o contrato administrativo do servizo.
No resto das materias, a oferta patronal tamén resulta cativa: adían a redución da xornada de 30 horas a partir de decembro de 2026, nas licencias ofrecen migallas, e nas compensacións polos desprazamentos (as traballadoras teñen que utilizar os seus vehículos particulares para ir dun domicilio a outro) propoñen 0,22 euros por quilómetro (a pagar dende a publicación do convenio).
Nas asembleas abertas feitas pola CIG para informar da negociación, as traballadoras afectadas (máis de 5000 en Galiza) amosaron o seu rexeitamento a esta proposta discriminatoria da patronal. Lembran que durante a pandemia foron consideradas actividade esencial e agora ese carácter esencial ten que ser recoñecido cunha mellora substancial das condicións laborais e salariais.
Sector esencial pero totalmente precarizado
Neste senso, a secretaria nacional da CIG-Servizos subliña que este é un sector, malia prestar un servizo público básico para moitas persoas, está absolutamente feminizado e precarizado, xa que a maioría dos contratos son a tempo parcial e as empresas utilizan esta modalidade para que as traballadoras fagan máis horas das que teñen no contrato.
Cómpre lembrar que o convenio de Axuda no Fogar está sen actualizar dende o ano 2011 porque a patronal se disolveu nun intento de deixar sen efecto o convenio galego e pasar ao estatal, de condicións inferiores. Aínda que a manobra no lles saíu ben, ao manter o convenio a súa vixencia, só despois de moito pelexar, das mobilizacións das traballadoras diante das empresas e dunha campaña da CIG para demandar a implicación das administracións responsábeis (concellos e Xunta de Galiza) se conseguiu que a patronal sentara negociar novamente.
Por todo isto, a CIG convoca esta concentración do próximo día 4 de outubro, e trasladará na reunión da mesa de negociación a "nosa negativa a asumir as propostas patronais, exixíndolles que rectifiquen nas súas pretensións e que se aveñan a negociar un convenio digno nun sector tan esencial". A CIG-Servizos advirte, ademais, que de non producírense avances, as mobilizacións se endurecerán nas próximas semanas.