A CIG marcha a pé entre Trevès e Aludec en demanda de medidas que garantan o futuro da automoción
A federación de Industria continúa coa campaña para reclamar unhas condicións laborais dignas
“Sen industria non hai futuro” foi unha das consignas que máis se repetiu hoxe na manifestación convocada pola CIG entre as empresas Trevès e Aludec de Pontevedra para reclamar medidas que garantan o futuro da automoción e freen a crecente precarización laboral. A protesta, na que participaron arredor de 200 delegados/as sindicais, fai parte da campaña que desenvolve a federación de Industria en defensa do sector.
A marcha a pé entre as dúas compañías situadas no polígono do Campiño, no concello de Pontevedra, (Trevès) e da Reigosa, en Pontecaldelas, (Aludec) desenvolveuse de 14:00 a 15:00 horas coincidindo coa saída da quenda de mañá na primeira compañía e coa entrada da de tarde na segunda.
Durante o percorrido, como vén sendo habitual nas protestas que fan parte da campaña nacional que a CIG desenvolve dende o ano pasado, berráronse consignas como “Traballo digno na automoción”, “Non á deslocalización”, “Fóra as ETT da automoción” ou “Non á precarización”.
O secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, alertou ao remate da mobilización do perigo ao que se expón a automoción galega ante os retos que ten por diante, como a Lei de Transición Ecolóxica que penalizará a fabricación de vehículos diésel, ou a aplicación de novas tecnoloxías nos procesos de produción. Denunciou que tanto as empresas como a Xunta “non están a facer nada para que o sector poida afrontar con garantías estes cambios tan importantes”.
Ao mesmo tempo, sinalou que a CIG continuará a mobilizarse para demandar unha política industrial de país que teña en conta un sector fundamental como o do automóbil e criticou o crecente proceso de precarización que padecen os milleiros de traballadores/as da automoción como consecuencia da proliferación de ETT, empresas multiservizos e centros especiais de emprego.
Propostas da CIG
Pola súa banda, o presidente do comité de empresa de Trevès, David Couñago, citou as principais propostas da central para o sector, como a creación dunha mesa galega do automóbil integrada polo Ceaga, as centrais sindicais e as tres universidades; o impulso dun plan galego para a automoción no que se recollan medidas de apoio a I+D+i; a especialización na produción de vehículos de alto valor engadido; a e optimización de procesos produtivos.
Tamén demandou un compromiso de todo o sector para non afondar na precariedade laboral, comprometéndose a non abusar da contratación por ETT, multiservizos ou CCE, así como aplicar o convenio sectorial ou da empresa principal a todos os traballadores/as.
Por último, demandou medidas encamiñadas ao rexuvenecemento dos cadros de persoal e ampliar a formación dos novos/as traballadores/as, así como á posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega que reduza o gasto enerxético e que permita deste xeito aumentar a competitividade das empresas "en lugar de facelo mediante a redución de salarios".