A CIG mobilízase no Centro Tecnolóxico da Automoción por salarios dignos e categorías laborais xustas
A representación da CIG no Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG) desenvolveu esta mañá unha concentración ás portas da compañía no Porriño para reclamar salarios dignos e categorías laborais xustas, agora que o comité e a dirección manteñen negociacións para establecer un acordo de empresa a respecto dos incrementos salariais. Dende a central anunciaron a posta en marcha dun calendario de mobilizacións, con protestas todos os xoves até mediados de abril, para rexeitar a crecente precarización das condicións de traballo no CTAG.
Dende a CIG no CTAG explican que até o de agora rexíanse polo convenio estatal de Enxeñaría, que levaba dous anos caducado e que se renovou o pasado venres. Pero a pretensión do persoal é pactar un acordo de empresa que incorpore tamén unhas categorías dignas “que recollan as funcións que verdadeiramente facemos, xa que o de Enxeñaría non as cubre”.
Neste senso, lembran que a nivel salarial os traballadores/as do CTAG están moi por debaixo da media do sector, “algo que non pode ser nunha empresa que recibe inxentes cantidades de diñeiro público, tanto da Xunta como da Unión Europea, e tendo en conta que as compañías para as que traballamos están a ter beneficios millonarios”.
Por iso a CIG, que preside o comité de empresa, decidiu convocar unha asemblea á que acudiron máis de 300 empregados/as e na que se acordou iniciar un calendario de mobilizacións das que se desmarcaron o resto de sindicatos, comezando pola protesta de hoxe dos delegados/as da central nacionalista e continuando coa que terá lugar vindeiro xoves xa coa participación do conxunto do cadro de persoal.
Está previsto que as mobilizacións continúan cada xoves até mediados de abril, tanto diante do CTAG como dalgún dos seus clientes, como BorgWarner, “sen descartar mesmo unha convocatoria de folga no caso de que a dirección non mude de postura nas vindeiras xuntanzas”.
A concentración de hoxe, a primeira celebrada na compañía nos seus 20 anos de funcionamento, desenvolveuse diante das instalacións situadas no polígono da Granxa de 10:00 a 12:00 horas, onde se despregou unha faixa e se berraron consignas coas principais reivindicacións do cadro de persoal.
Ao remate da protesta a representación da CIG indicou que a crecente precariedade no CTAG está a provocar que o persoal máis cualificado e formado teña que abandonar a compañía na procura dun mellor futuro laboral. “Isto provocou que máis de 200 persoas marchasen a outras firmas do sector, deixando proxectos importantes con problemas, xa que tampouco chegan traballadores/as para cubrir esas baixas debido a que se ofrecen salarios por debaixo dos existentes no sector”, sinalou o presidente do comité, Hugo Méndez. Destas, arredor de 50 levaban unha media de 15 anos na empresa.
Esta situación fai que se rexistre un continuo movemento de persoal, até o punto de que Méndez considera que o CTAG “agora mesmo cambiou a súa actividade: pasou de ser un centro de innovación a formar enxeñeiros/as para que despois os leven outras empresas”.