A CIG mobilízase contra unha reforma das pensións que suporá empobrecer aínda máis as contías
A CIG concentrouse na mañá deste xoves nas sete cidades galegas en rexeitamento ao pacto da reforma das pensións subscrito polo Goberno español, os sindicatos estatais e as organizacións patronais e que suporá un empobrecemento xeneralizado das contías. Con estas protestas a central sindical dá continuidade ás mobilizacións vén desenvolvendo dende hai meses, a través do colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG, na defensa dun sistema público forte e dunhas pensións dignas e garantidas.
A CIG rexeita tanto ás formas como o fondo dun acordo que non reforza o sistema público e que mantén a ampliación da idade de xubilación e do período de cálculo, así como a supresión na práctica da modalidade de xubilación parcial. O secretario xeral, Paulo Carril, que participou na concentración da Coruña, denunciou que esta reforma non só resulta insufiente, senón que mesmo é regresiva, ao manter en vigor na súa integridade á "brutal reforma de 2011", que tamén contou co aval de CCOO e UGT.
Esta reforma, lembrou, supuxo atrasar de maneira progresiva a idade de xubilación até os 67 anos e ampliar o período de cálculo das pensións, que pasou dos 15 aos 25 anos, limitando ademais o acceso á xubilación parcial. Con estas medidas o que se buscaba era provocar unha importante caída nas contías das pensións que, destacou Carril, neste tempo ten acadado arredor dun 25%.
A este respecto, o secretario xeral da CIG advertiu que a reforma pactada neste 2021 afondará neste empobrecemento das prestacións, sendo especialmente levisa para Galiza, onde temos as segundas pensións máis baixas de todo o Estado. "A pensión media galega está nos 878€, moi lonxe da pensión media do Estado, situada nos 1.032€, polo que con este acordo se está consolidado esta diferenza", advertiu. Ademais, fálase de ampliar o período de cálculo aos 35 anos "co cal as contías que van percibir as galegas e galegos serán áinda máis baixas".
Vivir máis, pero con pensións máis baixas
O pacto subscrito a pasada semana constitúe a primeira parte dunha negociación que terá continuidade nos próximos meses, e que anticipa un novo retallamento de dereitos en base ás esixencias da UE para acceder aos fondos de reconstrución Next Generation. De feito, aínda que se elimina o denominado factor de sustentabilidade, antes de rematar 2021 haberá unha nova fórmula (que chaman factor de equidade interxeracional) que busca ter efectos similares, supoñendo un novo recorte nas pensións das xeracións do coñecido como baby boom. "Viviremos máis, pero con pensións máis cativas", alertou Carril.
Xunto a isto, o secretario xeral da CIG incidiu en que a reforma de 2011 supuxo a desaparición na práctica da xubilación a tempo parcial, "cando esta é unha medida fundamental de acceso á xubilación nunhas condicións dignas, permitindo a creación de emprego e o rexuvenecemento dos cadros de persoal".
Nesta liña, considerou que nun momento de crise como o actual, penalizar o acceso á xubilación e prolongar a vida laboral "supón un castigo a moitos traballadores e traballadoras que desenvolven as súas profesións en condicións de penosidade e perigosidade. Obrigar a traballar máis anos non está xustificado".
Garantir o poder adquisitivo
Carril denunciou que con este acordo tampouco se garante o poder adquisitivo das pensións, “xa que debera fixarse por lei que a pensión mínima sexa igual ao salario mínimo interprofesional, e este debe de ser o 60% do salario medio, dacordo coas recomendacións da Carta Social Europea, e revalorizable co IPC real”. Unha reclamación que a CIG leva anos facendo.
"Ante a preocupación do que significa esta primeira parte da reforma, e coa tramitación parlamentaria en marcha, entendemos que é preciso mobilizarse e loitar para evitar que saia adiante, porque o único que se pretende é dificultar o acceso e empobrecer as nosas pensións", sentenzou Carril.