A CIG mobilízase contra a persecución sindical en Bingo Royal, que despediu a tres afiliadas da central
A CIG-Servizos de Vigo mobilizouse hoxe contra a persecución sindical en Bingo Royal, do Grupo Comar, despois de que a empresa despedise a tres traballadoras afiliadas á central, unha delas delegada da sección sindical, tras seren sancionadas por unha suposta infracción moi grave. Por iso, ademais de presentar as correspondentes demandas perante o xulgado para obrigar a compañía a readmitilas, desenvolveu unha concentración diante das instalacións do bingo na avenida García Barbón e ten convocadas novas protestas para os vindeiros días 1, 5 e 8 de setembro de 15:30 a 18:30 horas.
Durante a mobilización a CIG despregouse unha faixa na que se podía ler “Despedidas readmisión. Bingo Royal Vigo acoso laboral non!” e berráronse consignas como “Despedidas readmisión” e “Bingo Royal, escoita, estamos en loita”. Pedro Pérez, membro da executiva da federación de Servizos, salienta que a central sindical é tan maioritaria nesta empresa que todo o cadro de persoal, agás dous traballadores/as, está afiliado á CIG. Antes de se celebrar as últimas eleccións sindicais tiña xa toda a representación, con 3 delegadas/os.
Entre medias, varios/as empregados/as xubiláronse pero as vacantes xeradas non foron cubertas. Deste xeito, ao se reducir o persoal reduciuse tamén o número de representantes sindicais, pasando a representación sindical de 3 a tan só 1 delegado/a.
A redución de persoal afectou ao número de representantes mais tamén ás condicións laborais. De feito, “como non quixo contratar a máis persoal para dar os descansos compensatorios e os máis de 300 días de vacacións pendentes, tivemos que recorrer a un AGA, que aínda está pendente de resolución”, sinala o representante da CIG-Servizos.
A pretensión da empresa era reducir a representación da central sindical e tratar de que ademais o único delegado/a fose da UGT. Porén, e dada a avultada afiliación que ten o sindicato no bingo, o único representante volveu ser da CIG.
O obxectivo de reducir a representación da CIG é tan claro que segundo explica Pérez a empresa tiña que contratar a dúas traballadores/as, o que permitiría convocar unhas eleccións parciais e volver a ter 3 representantes pero, para evitalo, a dirección externalizou o servizo de cafetería e subrogou a seis traballadores/as, o que imposibilitou a súa celebración.
Denuncias
Xunto a isto, durante ese período produciuse un conflito personalizado en dúas traballadoras, unha a delegada da sección sindical da CIG, e outra a candidata da UGT, que culminou o mesmo día das eleccións sindicais cunha nova denuncia que derivou no despedimento de tres empregadas.
En 2021 a que despois encabezaría a candidatura da UGT denunciou á que xa daquela era delegada da CIG por acoso laboral. “Unha demanda que se pechou sen causa porque non había probas para sustentar a denuncia”, apunta Pérez.
Nos días anteriores ás eleccións sindicais prodúcese outra denuncia cruzada entre ambas, e na propia xornada electoral, en xullo deste ano, a cabeza de lista da UGT, que finalmente obtivo dous votos -o resto foron para a CIG- denuncia á xefa de sala por ter decidido poñelas a traballar no mesmo lugar durante unha hora, para resolver o problema de falta de persoal, cando non debían coincidir no mesmo espazo de traballo mentres non se resolveran as denuncias entre elas.
Pedro Pérez explica que a raíz desta denuncia “prodúcese unha investigación dos feitos que de oficio abre outro expediente contra a outra xefa de sala tamén afiliada da CIG, concluíndo con tres despedimentos disciplinarios de tres traballadoras afiliadas á central sindical, incluída a delegada”.
Despedimentos disciplinarios
Para o responsábel da CIG-Servizos en todo este asunto hai “unha clara persecución sindical cara as nosas afiliadas e en contra do sindicato, porque son tres despedimentos disciplinarios”. Lembra que no bingo nunca se presentou ningunha candidatura que non fora da CIG e considera que “a empresa utilizou a esta traballadora para que se presentara pola UGT dándolle cobertura”, non só tratando de impulsar a súa candidatura, senón tamén legalmente.
Cos resultados das eleccións sindicais, nos que o persoal deu un respaldo esmagador á CIG, “queda desmontada a pretensión da empresa, á que só lle queda xa a outra vía: a de que a traballadora denuncie e contrata a un gabinete externo para que faga unha investigación”.
A situación é tan retorta que a traballadora a quen denuncia é á xefa de sala 1, mais logo, “na instrución do expediente, de oficio, abren outro expediente á xefa de sala 2 porque estaba na sala, malia non haber denuncia algunha contra ela”, asegura Pérez.
Para o representante da CIG-Servizos de Vigo está claro que “o obxectivo da empresa é minar á afiliación da CIG no bingo e atacar a central sindical”. Unha persecución con consecuencias tan graves como o dun triplo despedimento, incluído o da delegada sindical.
Por iso están convocadas as xornadas de mobilización e presentadas as demandas, “porque desde a CIG non imos consentir esta persecución sindical”.