A CIG mobilízase contra a decisión da Consellaría de Emprego de impugnar o convenio colectivo de bingos
A CIG-Servizos realizou unha concentración este luns diante da Consellaría de Emprego en San Lázaro en rexeitamento á decisión da administración de impugnar o convenio colectivo autonómico das empresas organizadoras do xogo do bingo. Isto supón que o marco regulador, asinado o pasado ano e con vixencia 2018-2020, está sen publicar e polo tanto os traballadores e as traballadoras teñen as súas condicións laborais e salariais sen actualizar, a expensas da decisión individual de cada unha das empresa do sector. O xuízo no TSXG está fixado para este xoves, día 9.
O problema, explica Pedro Pérez, da CIG-Servizos, derivada da interpretación do artigo 11 do convenio que fai a Consellaría de Emprego, ao entender que limita o acceso das ETT e polo tanto que incumpre a disposición adicional cuarta da Lei 14/1994, de empresas de traballo temporal. "A redacción deste artigo non variou en absoluto con respecto aos convenios asinados con anterioridade, pero nesta ocasión a Administración fíxonos dous requirimentos para que o modificáramos. Cambiamos o texto dúas veces e non lle valeu ningunha", apunta.
Pérez subliña que o sector do xogo, por razóns de interese xeral, está sometido a unha forte intervención administrativa que esixe contar cun cadro de persoal estábel e non suxeito á dualidade laboral, como garantía para ofrecer seguridade ás persoas participantes no xogo. En atención a este principio e co obxectivo de fomentar a contratación indefinida e a creación de emprego estábel, a través do artigo 11 (que a Consellaría impugna e que pide anular en vía xudicial) recóllese a utilización preferente de modalidades de contratación orientadas a dar continuidade aos cadros de persoal, limitando a contratación por ETT a aqueles casos excepcionais que non puideran cubrirse por contratación directa.
A normativa do xogo pula pola estabilidade laboral
"Non entendemos onde está a limitación da que fala a Consellaría, cando a propia normativa do xogo establece que hai que fomentar a estabilidade laboral do persoal para dar esa garantía de seguridade. Que quere a Xunta, dar vía libre para a contratación de traballadores e traballadoras eventuais e precarizados no sector do xogo?", pregúntase.
A decisión da Secretaría Xeral de Emprego supón que o convenio colectivo estea aínda sen publicar (foi asinado pola patronal ABIGA, CIG e UGT en xullo do pasado ano) e polo tanto as melloras laborais e salariais negociadas sen aplicar. E isto, apunta Pedro Pérez, ás portas da aprobación dunha nova lei do xogo e do novo canon que teñen que pagar as empresas. "No convenio recóllese que se hai unha baixada do canon, os traballadores/as terán unha maior suba retributiva e para isto marcábanse uns prazos que a impugnación atrasará".