A CIG manifesta todo o seu apoio e solidariedade coa folga xeral convocada para o día 18 en Catalunya
A Intersindical CSC e a Intersindical Alternativa de Catalunya (IAC) convocan unha Folga Xeral en Catalunya para o vindeiro 18 de outubro, baixo o lema “Polos dereitos e liberdades”, e unha manifestación que terá lugar nos xardíns de Gracia de Barcelona, ás 17:00 horas. Diante desta convocatoria, desde a CIG, queremos manifestar publicamente todo o noso apoio e solidariedade, pois partillamos os seus motivos, tanto do punto de vista sindical como político.
Do punto de vista estritamente laboral, é totalmente procedente denunciar o recorte de dereitos que a clase traballadora vén sufrindo nos últimos anos. Acabamos de saír (segundo nos din) dunha crise económica que serviu como desculpa para recortarnos dereitos que tantos anos e sacrificios custou conquistar e, cando xa están augurando outra nova crise, aínda non recuperamos todo aquilo que nos levan roubado: recortes de salarios, empeoramento das condicións laborais, maior precariedade no emprego, máis desigualdade social e incremento alarmante do nivel de pobreza.
Desde a CIG, e nesta mesma liña, vimos desenvolvendo desde hai tempo unha intensa campaña, precisamente, pola recuperación dos dereitos que nos foron roubados. Así pois, parécenos de xustiza as reclamacións que fan as dúas organizacións sindicais de Catalunya nesta convocatoria: un Salario Mínimo Interprofesional digno e adaptado ao custe da vida no seu país; o mantemento do poder adquisitivo, tanto dos salarios como das pensións; a derrogación das reformas dos anos 2011 e 2013 e o factor de sostibilidade; a derrogación das reformas laborais de 2010 e 2012 e, en definitiva, a restitución dos dereitos laborais para a clase traballadora, que poña freo ao aumento da precariedade; a loita contra a desigualdade que sofren as mulleres no ámbito laboral (que o Tribunal Constitucional, por certo, impediu combater en Catalunya, anulando algúns artigos da Lei de Igualdade aprobada no seu Parlamento); a loita contra o acoso laboral e sexual no traballo; a recuperación dos servizos públicos gratuítos, universais e de calidade; políticas de axudas á vivenda; unha Renda Garantida de Cidadanía; medidas contra a exclusión social e a pobreza; medidas contra o cambio climático; dereitos para as persoas da inmigración... Todas elas, demandas necesarias e de grande urxencia social.
E, do noso punto de vista, a convocatoria tamén nos parece oportuna polo contexto político que se está a vivir en Catalunya, e os últimos acontecementos derivados da sentenza do Tribunal Supremo, feita pública o pasado luns, logo dun xuízo farsa, e que ratifica unhas condenas durísimas de cárcere contra os presos políticos cataláns, polo delitos de sedición e malversación.
Por máis que toda a maquinaria mediática ao servizo do Estado Español pretenda construír un relatorio falso, tratando os feitos xulgados como un delito, e querendo asocialo a capítulos de violencia e até “terrorismo”, este foi un xuízo político, cunha sentenza que pretende impedir o exercicio das liberdades, impondo castigos exemplares ás persoas que non fixeron outra cousa que pór en marcha os programas de goberno polos que foron electas, e taparlle a boca a máis da metade do pobo de Catalunya, que vén reclamando, de forma totalmente pacífica e democrática, o seu dereito a decidir sobre o seu futuro, e que o 1 de outubro apoiou a proclamación da República Catalá, malia todos os impedimentos e toda a represión despregada polo Estado español para impedilo.
Por máis que durante o xuízo se intentara construír ese relato da violencia, máis alá das declaracións dalgúns membros das forzas represivas, todas as imaxes que hai ao respecto, e o que en persoa vimos moita xente que alí estabamos, amosan un pobo que só reclamaba o dereito a votar, de xeito pacífico, ordenado, e até festivo. Reclamar o dereito a votar non é delito, e reclamar o dereito de autodeterminación, tampouco.
Por máis que se recorra á Constitución, esta non pode furtar un dereito recoñecido internacionalmente e reclamado por vías pacíficas e democráticas. O estado español segue empeñado en resolver un problema político pola vía xudicial e represiva e compórtase de maneira hostil contra os dereitos nacionais de Catalunya, Galiza e Euskal Herria, adoptando actitudes coloniais e de absoluta falla de respecto contra as súas culturas e as súas linguas. Unha institución tan pouco democrática como a coroa xoga un papel fundamental neste aspecto e a maior parte do espectro político español está, en maior ou menor medida, pregado a este sistema centralista.
Pero é que, ademais, esta sentenza crea un precedente moi grave contra os dereitos civís, pois está a criminalizar a protesta, a liberdade de expresión e a mobilización social organizada. Os dereitos e as liberdades están aínda máis en risco logo desta sentenza. Calquera folga, calquera piquete, calquera acto de protesta pode ser interpretado como un delito de sedición.
Os casos dos mozos de Alsasua, dos independentistas galegos e de moitos/as compañeiros/as da CIG que están a ser xulgados actualmente pola súa participación en xornadas de folga e mobilizacións, van nesta liña.
Por iso chámanos a atención a postura doutras centrais sindicais, ao non sumárense a unha convocatoria que, ademais dos dereitos laborais, defende tamén dereitos fundamentais e democráticos, como o dereito de protesta e manifestación. Será que xa perderon o costume de exercelos nos últimos anos.
Tamén nos chaman a atención algunhas declaracións públicas de destacados/as dirixentes, como a Ministra de Facenda, que cataloga a convocatoria como unha “folga política”. Acaso non son precisamente decisións políticas as que nos impuxeron todos eses recortes? Non son decisións políticas as que levaron a cabo as reformas laborais e das pensións? Non son decisións políticas as que veñen privatizando os servizos públicos?
E, neste caso que nos ocupa, non é un problema político o que se está a dar en Catalunya? Non afecta á situación social e económica da súa xente, ás súas vidas? Basta xa de hipocrisía, señora Ministra.
No medio desta avalancha criminalizadora dos medios de comunicación para crear opinión entre e poboación, e fomentar a xenreira contra Catalunya, desde a CIG queremos manifestar todo o noso apoio a esta convocatoria de folga, aos sindicatos convocantes e á clase traballadora, en xeral, de Catalunya. Pedimos a posta en liberdade dos presos políticos, o cese das medidas represivas contra o pobo de Catalunya, o respecto polas persoas e institucións que democraticamente elixiron e o recoñecemento do dereito a decidir sobre o seu futuro.