A dirección da CRTVG branquea Land Rober tres días despois do grave incidente machista
O pasado venres a sección sindical da CIG da CRTVG exixía ao Director Xeral do ente que actuara “coa maior contundencia e suprimira o programa Land Rober da grella da TVG, para alén de depurar as responsabilidades internas” que corresponderan. Hoxe denuncia que lonxe disto e de atender as demandas do Comité Intercentros, a CRTVG emitiu este domingo o especial “As tentacións de Rober”.
Esta redifusión, na que profesionais dos medios públicos galegos contan aos espectadores “o lado descoñecido” do presentador Roberto Vilar, só pode entenderse, para a sección sindical da CIG, “como un intento de branquear a súa imaxe após o grave incidente de violencia machista da pasada quinta-feira no que o programa argallou un engano para propiciar o encontro entre un agresor e a súa vítima, sen o consentimento desta”.
A sección sindical denuncia que “é así, polo que se ve, como a dirección da CRTVG asume a súa propia responsabilidade na emisión do noxento programa e expresa o seu compromiso real coas políticas de Muller e Igualdade”. Unha evidencia máis “da urxente necesidade de proceder ao cesamento do actual Director Xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, e nomear outra persoa que conten coa lexitimidade da maioria cualificada do Parlamento de Galiza, para facer valer os princípios do respecto á dignidade humana, a igualdade real entre homes e mulleres e a non violencia, entre outros”.
A sección sindical da CIG da CRTVG xa denunciara en setembro de 2018 unha autopromoción de “Land Rober” na que o seu presentados, Roberto Vilar, anunciaba a volta do programa á pantalla da TVG despois do verán e, en chave humorística, tentaba convencer á audiencia de “ser mellor ver Land Rober que pegar a unha vella”.
Campaña da Marcha Mundial das Mulleres
A indignación provocada polo programa levou tamén a diversos colectivos feministas a denunciar o acontecido, nomeadamente á Marcha Mundial das Mulleres, que manifestou a súa indignación polo acontecido. “Os responsábeis do programa fixeron vivir un episodio de violencia a unha muller ao pretender que se encontrase cun ex-compañeiro baixo a premisa de “facer triunfar o amor”. O resultado foi unha muller agredida que acabara cunha relación na que xa sufrira agresións machistas exposta publicamente”.
Por iso puxo en marcha unha campaña animando a enviar un texto ao correo info@crtvg.es que de seguido reproducimos:
“Aos responsábeis da CRTV, TVG e Land Rober Tunait Show: Por medio desta comunicación queremos expresar o noso rexeitamento e denuncia da situación vivida no programa emitido o 08/04/2021 no que unha muller se viu violentada polo programa ao intentar convencela de reunirse publicamente cun home que a agredira previamente.
Os responsábeis deste programa de televisión non valoraron en ningún momento o consentimento desta muller ante a petición dunha exparella de reunirse de novo con ela mediante o programa.
Non valoraron tampouco asegurarse que non existían problemas entre esas persoas que pretendían reunir e, como foi o caso, se non existían ademais antecedentes de agresións cara á muller por parte do seu ex, ao que permitiron e axudaron a violentar novamente a esta persoa.
Unha vez máis vemos a irresponsabilidade dos medios de comunicación que ignoran sistematicamente a necesaria prevención á hora de colocar ás mulleres neste tipo de situacións.
A historia audiovisual ten escrito páxinas moi negras en relación a colaborar con agresores para voltar colocar ás persoas violentadas en situacións comprometidas e semella que segue sen entenderse a necesidade de non acceder a ningunha petición que non conte coa aprobación da outra persoa ou persoas involucradas.
Solicitamos á CRTVG que se coloquen os medios necesarios para que ningunha muller volte vivir este tipo de situacións”.