A CIG logra que a Inspección de Traballo levante acta de infracción contra Alsa Ferrol por non aplicar o convenio sectorial
A Inspección de Traballo comunicou este venres a apertura dun expediente sancionador contra Alsa Ferrol por non aplicarlle ao persoal de Maitours o convenio colectivo do transporte de viaxeiros/as por estrada da Coruña. No seu escrito, a Inspección informa tamén que vai proceder á liquidación das cotas de cotización á Seguridade Social polos atrasos xerados, ao entender que a aplicación do convenio sectorial non ten afectos a partir desta resolución, senón que xa se tiña que se ter producido con anterioridade.
A apertura deste expediente infractor responde ás denuncias presentadas pola CIG polo evidente incumprimento da empresa en materia laboral e chega poucos días despois da gran mobilización realizada pola central nacionalista en Ferrol en apoio á loita do persoal de Mairours. Neste senso, a CIG valora que, malia o atraso na actuación inspectora, con esta acta estáselle dando á razón os traballadores e traballadoras de Maitours en todos os puntos reclamados.
O responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, lembra que o artigo 84.2 do Estatuto das persoas traballadoras estabelece a prevalencia aplicativa do convenio sectorial no que respecte á contía do salario e que neste caso, ademais, o convenio que Alsa aplica ao persoal subrogado de Tranvías de Ferrol “é o que se negociou nunha empresa que xa non existe”.
A CIG e os traballadores/as agardan que Alsa actúe conforme á resolución da Inspección e, de inmediato, proceda a aplicarlle o convenio provincial e a abonar os atrasos salariais xerados durante este tempo. Así mesmo, que cumpra co resto de demandas que motivaron a folga (como a compensación do traballo en festivos ou o cumprimento do acordo para a realización dos servizos imprevistos). En calquera caso, a folga continúa adiante mentres non se garanta o cumprimento da lexislación laboral.
Reunión co alcalde, catro meses despois de iniciarse a folga
A resolución da Inspección coñecíase pouco antes da reunión convocada para esta mañá polo alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela. Unha reunión que “chega con catro meses de atraso e despois do ningueo absoluto ao que o alcalde da cidade someteu a estes traballadores e traballadoras que levan en folga 117 días”.
A xuntanza, denuncia Pastoriza, dáse pola presión mobilizadora da CIG, mais “non porque o Concello teña interese algún en buscar unha solución nin actuar para lograr que se cumpra a legalidade. Ao contrario, en todo este tempo, o alcalde fixo gala da súa irresponsabilidade, desentendéndose deste conflito a pesar das condicións de precariedade na que Alsa ten ao seu persoal e da incidencia da folga nun servizo público tan importante como o transporte en autobús”.
Por iso, apunta á coincidencia deste encontro xusto no día no que se comunicaba a acta da Inspección de Traballo. “Que non veña agora o alcalde a presentarse como salvador de nada. Aquí, todo o que se consiga será grazas á loita, á mobilización e á enorme capacidade de resistencia que están demostrando os traballadores e traballadoras de Maitours”.
Neste punto, Pastoriza denuncia tamén a desidia da Xunta de Galiza que está eludindo as súas obrigas como administración e como titular do contrato ao non facer valer as cláusulas dos pregos de condicións "para maior beneficio dunha empresa privada que presta un servizo público".