A CIG logra os cinco representantes que se escollían no comité de Maier Ferroplast do Porriño
A federación de Industria da CIG vén de gañar as eleccións sindicais na compañía Maier Ferroplast Sociedad Cooperativa do Porriño ao facerse cos cinco representantes que se escollían no comité de empresa.
A central sindical logrou os catro delegados/as do colexio de especialistas e o único que se escollía entre o persoal técnico e administrativo. No anterior proceso electoral a CIG-Industria sumara catro representantes no colexio de especialistas e ningún entre o persoal técnico e administrativo, que fora para a UGT. Pero nesta ocasión foi a única organización que foi quen de presentar candidatura, obtendo a totalidade da representación.
Dende a CIG-Industria valoran moi positivamente o traballo desenvolvido nestes anos pola sección sindical de Maier Ferroplast e agradecen a confianza amosada polo cadro de persoal. Neste senso, adiantan que a representación da CIG na empresa continuará a defender os dereitos laborais e a reclamar melloras para o conxunto dos traballadores/as da empresa.
Maier Ferroplast Sociedad Cooperativa do Porriño é unha compañía con sede no polígono industrial porriñés da Granxa que conta con 87 empregados/as e que fabrica compoñentes para o sector da automoción.