A CIG logra a actualización de salarios en Lear Valadares en base ao convenio do metal

A central ten en marcha unha campaña para reclamar que as empresas con convenio propio inferior apliquen as táboas do convenio sectorial
Vigo - 30 Out 2024

A Inspección de Traballo vén de obrigar á empresa da automoción Lear Valadares a actualizar os soldos conforme ao convenio provincial do metal da provincia de Pontevedra. Esta mellora das condicións salariais foi posíbel tras a denuncia presentada pola CIG, que ten en marcha unha campaña para que as compañías con convenios propios inferiores apliquen as táboas dos convenios sectoriais.

A central sindical xa logrou con anterioridade este aumento de soldos no centro de traballo de Lear no Porriño, tras constatar que a maioría das empresas dos distintos sectores non están a aplicar as táboas salariais do convenio sectorial correspondente, tal e como establece a reforma laboral de 2021. 

A central xa o conseguira antes en Lear no Porriño

De xeito que puxo en marcha unha campaña para reclamarlle á autoridade laboral que proceda a obrigar as empresas a regularizar os soldos, ademais de manter xuntanzas coa xefatura da Inspección de Traballo en Madrid para abordar os criterios de aplicación dunha norma que por agora non se está a facer efectiva.