A CIG consegue 7 de 9 representantes no comité de Rubí Automotive de Ribadavia

Fíxose coa maioría absoluta nas eleccións sindicais a pesar dos intentos de boicot da empresa, que mesmo despediu dúas persoas traballadoras integrantes da candidatura
Ribadavia - 18 Xun 2026

A CIG-Industria conseguiu 7 de 9 representantes no comité de empresa de Rubí Automotive, compañía do sector da automoción con sede no polígono de San Cristovo en Ribadavia. Deste xeito a central fíxose coa maioría absoluta nas eleccións sindicais que se veñen de celebrar a pesar dos intentos de boicot da dirección, que mesmo despediu dúas persoas traballadoras integrantes da candidatura.

No colexio de especialistas, dos 65 votos contabilizados en total a CIG sumou 52, que se traducen en 5 delegados/as, mentres que UGT obtivo 11 votos e 1 delegado/a. Entre o persoal técnico e administrativo a central sindical colleitou 15 votos dos 30 rexistrados en total (2 representantes) e o sindicato estatal 13 (1 representante). En cada un dos dous colexios contabilizáronse tamén 2 votos en branco. 

A CIG sumou un total de 67 votos, fronte aos 24 da UGT

Dende a CIG-Industria de Ourense agradecen o masivo apoio mostrado polas persoas traballadoras de Rubí Automotive e valoran moi positivamente o feito de que o resultado colleitado no proceso “é unha aposta clara polo modelo sindical de confrontación e loita que representamos”.

Ao mesmo tempo, fan fincapé nas dificultades que houbo que enfrontar dende a convocatoria das eleccións, xa que a empresa optou inmediatamente por despedir dúas persoas traballadoras que fixeron parte da candidatura da CIG. “Por iso, ademais de basear a nosa acción sindical na defensa das condicións de traballo e na reclamación de melloras laborais, imos continuar esixindo a readmisión de Ana e de Eduardo, a compañeira e o compañeiro que a empresa despediu e que agora son delegada e delegado do comité”.