A CIG leva as reivindicacións do persoal de Maitours ás oficinas de Mobilidade da Coruña e Pontevedra
Dentro das acción reivindicativas para visibilizar o conflito no transporte urbano de Ferrol fóra da comarca, representantes da CIG no sector levaron este mércores as reivindicacións do persoal ás Direccións Territoriais de Mobilidade da Coruña e Pontevedra e reclamaron a implicación activa da Xunta de Galiza. Hai que lembrar que o persoal de Maitours, do Grupo Alsa, leva en folga indefinida dende o pasado 15 de xullo para demandar que se lle aplique o convenio colectivo sectorial e que se respecten os seus dereitos laborais.
Porén, durante todo este tempo, a Xunta de Galiza estivo desaparecida, a pesar de ser a administración titular dos contratos do transporte público. O responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, criticou que a única intervención da Xunta no conflito foi "para rebentar a folga", ao impor a principios de setembro uns servizos mínimos abusivos que impiden na práctica que os traballadores e traballadoras poidan exercer este dereito fundamental.
Así o expuxo Pastoriza na xuntanza improvisada co xefe territorial de Mobilidade da Coruña, a quen lle reclamou que a Consellaría actúe como mediadora, traballe na busca de solucións "e non se poña de parte da empresa vulnerando o dereito á folga". Lembroulle que a Xunta debe garantir que se aplique o convenio sectorial -tal e como estabelecen as cláusulas do contrato- e que a administración galega dispón de mecanismos para obrigar a Alsa Ferrol a cumprir coas condicións recollidas nos pregos.
Pastoriza engadiu que, cando menos, a Xunta ten que instar a empresa a negociar coa representación do persoal "porque é a primeira vez que nunha folga do transporte non existe unha mesa de negociación. Resulta inconcibíbel que dende o primeiro día Alsa se negue a intentar resolver o conflito".
O responsábel sindical lembrou que o único que está demandado o persoal é que a empresa cumpra cos acordos laborais, compense os festivos traballados e sobre todo, que comece xa a aplicar o convenio colectivo do transporte de viaxeiros/as da Coruña, como xa se lle aplica aos compañeiros e compañeiras de Intercar -a outra empresa que xunto con Maitours forma a UTE que presta o transporte en autobús na comarca de Ferrol-.
A patronal adía sen motivo a sinatura do convenio
Tanto a Inspección de Traballo como a xustiza xa recoñeceron que o convenio de aplicación en Maitours ten que ser o do sector e non o da extinta Tranvías de Ferrol, de condicións inferiores. Pero a empresa escúdase nunha sentenza xudicial derivada dun conflito colectivo, que deixou a materialización da aplicación do convenio provincial a que este sexa publicado no BOP. Por iso, un problema engadido é que a patronal maioritaria, Transgacar, está adiando sen motivo a sinatura do novo convenio.
"Desta asociación, apuntou Pastoriza, ademais de Alsa, forman parte grandes compañías como Monbus e Arriva, que monopolizan o sector e controlan mesa de negociación. Entendemos que estas empresas, en conivencia con Alsa, están atrasando de maneira interesada o asinamento, porque o texto do convenio xa está acordado dende hai meses e as táboas salariais xa foron publicadas no mes de maio".
Neste contexto, e logo do acordado nunha asemblea de delegadas e delegados da CIG no transporte de viaxeiros/as, Pastoriza advertiu da extensión do conflito ás empresas desta asociación patronal, "tendo en conta que forma parte do conflito no momento no que está impedindo que se asine o convenio provincial e, polo tanto, impedíndolle ao conxunto dos traballadores e traballadoras avanzar nos seus dereitos".