A CIG lanza unha campaña por un convenio galego para dignificar as condicións de traballo e a atención nos centros de menores
Negociar un convenio galego para conseguir melloras laborais, salariais e sociais, así como a mellora na calidade da atención ás persoas usuarias son os obxectivos da campaña de recollida de sinaturas que a CIG-Ensino ten en marcha nos centros de reforma xuvenil e de protección de menores. Nun só mes, a central nacionalista xa xuntou preto de 500 sinaturas (que atinxen ao 60% do persoal destes centros) e espera incrementar esta cifra até o luns 18 de decembro, día no que fará entrega das sinaturas á Consellaría de Política Social.
Para dar máis visibilidade ás súas reivindicacións, nesa xornada o persoal tamén desenvolverá unha concentración, ás 11:30h, ás portas do edificio administrativo de San Caetano en Santiago e solicitará unha xuntanza coa conselleira, Fabiola García, como máxima responsábel da prestación destes servizos.
O responsábel do sector privado da CIG-Ensino, Henrique García, acompañado de delegadas e delegados da central no sector, denunciaron as precarias condicións que padece o persoal dos centros privados e de xestión indirecta de reforma xuvenil e protección de menores. "Falamos duns 60 centros de traballo en toda Galiza e duns 800 traballadores e traballadoras", apuntou García, quen salientou a boa acollida que a campaña reivindicativa está recibindo entre o persoal.
Neste senso, indicou que a pretensión da CIG (organización que ostenta a maioría da representación nesta actividade) é trasladar nos vindeiros días esta iniciativa aos demais sindicatos e patronais do sector "para facermos unha fronte común e esixirmos a táboa reivindicativa asinada maioritariamente".
Servizo externalizado
Os centros de protección e reforma están xestionados por asociacións e fundacións sen ánimo de lucro, pero son subvencionadas pola Consellaría de Política Social xa que se trata dun servizo social esencial. E aínda que atende a unha poboación especialmente vulnerábel, como son os e as menores en situacións de risco ou exclusión social, a asignación orzamentaria da Xunta resulta insuficiente para garantir unha atención de calidade, nas mellores instalacións posíbeis e nunhas condicións para o persoal traballador dignas.
Por iso, como calquera servizo público, a principal demanda desta campaña é que a Xunta de Galiza asuma a xestión pública directa destes centros, subrogando e mantendo os postos de traballo. Conscientes das dificultades deste paso e mentres non se acada, a CIG pide un incremento das partidas orzamentarias para o sector, con maiores subvencións aos centros para mellorar a calidade do servizo que se presta, así como as condicións laborais e salariais das traballadoras e traballadores.
Na mesma liña, demándase máis e mellor dotación de recursos materiais e humanos para os centros e servizos básicos e axustar as ratios de persoal ás necesidades reais do servizo. Marian Feijoo-Montenegro, delegada no centro terapéutico Montefiz (Ourense) criticou que as ratios que se aplican emanan dun real decreto de 2005 que está obsoleto, que fala de centros que en moitos casos xa nin existen, que non responde aos perfiles e protocolos actuais, e que resulta insuficiente para ofrecer a atención integral que precisan as crianzas.
Criticou que se dan situacións tan extremas pola falta de persoal como que as rapazas e rapaces en centros pechados non poidan saír ao patio unha hora ao día, cando así ao obriga a lei; ou que nalgunhas instalacións non haxa servizo de lavandería e limpeza en fins de semana.
Sobre as tipoloxías dos centros, Raquel Moreno, delegada do punto de encontro de Ferrol, informou que as entidades xestionan centros en réxime pechado (como os de reforma), semi-aberto (como os centros de intervención educativa en medio aberto), réxime aberto e pisos tutelados (nos que se traballa con menores en situacións de vulnerabilidade) e os puntos de encontro. Cada un deles coas súas necesidades e particularidades específicas.
Un convenio galego para unificar e mellorar condicións
A nivel laboral, Marcos García, delegado do centro de reforma Concepción Arenal da Coruña, denunciou que as condicións laborais e salariais do persoal son diferentes en función da asociacións, que hai categorías que están ao límite do SMI e que hai traballadores e traballadoras que levan anos cos soldos conxelados.
Cada vez temos que asumir máis responsabilidades, exíxennos máis formación e que asumamos máis carga de traballo, sen que isto vaia acompañado de melloras laborais nin salariais"
Criticou que a falta de actualización do financiamento público (con carácter plurianual) limita a capacidade das entidades para mellorar as condicións de traballo e o servizo, e que a Xunta se aproveita da profesionalidade, a voluntariedade e a vocación do persoal para sacar adiante a atención ao colectivo de menores sen incrementar os orzamentos. Neste senso, recalcou que se trata dunha competencia directa da Xunta e que a administración ten que apostar pola dignificación deste servizo a todos os niveis.
Para atallar esta situación, con esta campaña, a CIG reclama que se negocie un convenio galego que dignifique as condicións do sector xa que o actual convenio de aplicación, de ámbito estatal, e que toma como referencia a Xunta de Galiza para as concesións dos servizos ás diferentes entidades, "non dá resposta ás características dos centros galegos e ás reivindicacións laborais e salariais dos traballadores e traballadoras". Henrique García exixe a implicación e colaboración real da Consellaría de Política Social "para comezar a negociar un convenio galego entre as patronais e os sindicatos".
Abundando nesta cuestión, Xermán Estévez, presidente do comité de Monteledo (parte do complexo de Montealegre en Ourense) salientou que ao colectivo de traballadores e traballadoras fóronlle aumentando as responsabilidades, exixíndoselle máis formación e que asuma máis carga de traballo e esixencias, sen que isto vaia acompañado de melloras laborais nin salariais.
Esta precariedade, engadiu, provoca que as entidades teñan cada vez máis problemas para atopar profesionais cualificados para cubrir os postos. Puxo o acento tamén no mal estado que presentan algúns centros pola falta de mantemento e de equipamento adecuado. "Pero mentres as administracións pasan a bóla unhas a outras, quen sofren as consecuencias son os rapaces e as rapazas".
Disposición á mobilizarse
Na comparecencia, as delegadas e delegados da CIG manifestaron a disposición do persoal a mobilizarse se non se atenden as súas demandas "lexítimas, xustas e xustificadas, avaladas por un colectivo que está farto de tanta precariedade e de que a administración poña sempre a escusa de que non hai cartos para perpetuar uns orzamentos que non responden ás necesidades reais dos centros nin permiten dignificar as condicións do persoal".
Por iso, ante as eleccións autonómicas do próximo ano, tamén está previsto solicitar reunións cos diferentes grupos parlamentares para trasladarlles estas reivindicacións.