A CIG lamenta o pasamento do histórico sindicalista de Lugo, Xesús Arrizado
A CIG quere transmitir o seu pesar polo pasamento do compañeiro Xesús Arrizado, histórico sindicalista que tivo un papel clave na conformación da nosa central sindical, polo seu compromiso co sindicalismo nacionalista e coa defensa da clase traballadora.
Suso Arrizado foi membro de ERGA con 16 anos e xa con 18 comezou a traballar na Térmica das Pontes. Desde o inicio da súa vida laboral participou no SOG (Sindicato Obreiro Galego). Posteriormente trasladouse a traballar en Alúmina. Nese período tivo un destacado protagonismo nas folgas de construción e de Alúmina-Aluminio en 1977. Nos anos 80 foi secretario da INTG en Lugo.
Posteriormente, formou parte dos órganos de dirección da CXTG e tivo un papel relevante no proceso de unificación desta coa INTG que deu co nacemento da CIG. Participou na dirección do sindicato e foi Delegado Territorial de FORGA en Lugo.
Mañá xoves, día 10 de agosto, as 16:00 horas, haberá un acto de homenaxe no tanatorio As Arieiras, na cidade de Lugo, tras o cal terá lugar o enterro na vila de Viveiro.
Que a terra che sexa leve, compañeiro!