A CIG lamenta a falta de garantías para que toda a clase traballadora goce de cobertura social sen discriminacións
Á espera de revisar polo miúdo o contido do decreto presentado hoxe en rolda de prensa tras do Consello de Ministras e Ministros, a CIG considera que as medidas contempladas, sendo un avance respecto do que había, seguen sendo “tímidas modificacións ou ampliacións da cobertura necesaria nun momento de emerxencia e de desprotección de amplos sectores da sociedade e da clase traballadora”. Os mecanismos de protección previstos neste Decreto son, “farragosos, escasos e dunha burocracia que dificulta e mesmo impide a protección real as persoas mais vulnerábeis”.
Utilización irregular das cotizacións á Seguridade Social
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril cualifica como “moi grave” que se cambie o uso dos cartos das cotizacións da seguridade social destinados a formación, para prestacións sociais e de desemprego, “en vez de conseguir financiamento publico, vía impositiva, ás grandes fortunas, ás grandes empresas ou a través da intervención pública de sectores estratéxicos da economía hoxe en mans privadas (a banca, as brandes eléctricas…)”.
Asegura que “hoxe máis que nunca fan falta políticas públicas e concentrar todos os recursos en favor das maiorías sociais, pero cun financiamento que non parta dos propios traballadores e traballadoras”.
Neste sentido considera que “é necesario dar certeza na contía e na data de cobro das prestacións” e respecto dos “cantos” que se fan aos ERTES como saída idónea ás propostas que se fan, cuestiona que non vaian á retroactividade “para que todos os traballadores e traballadoras estean nas mesmas condicións á hora de poder buscar que as compensacións sexan en igual medida para o conxunto da clase traballadora”.
A este respecto sinala que “non pode ser que as empregadas do fogar, que xa cobran uns salarios miserentos, se lles fale dunha renda tan cativa como compensación á paralización da actividade”. Como tampouco pode ser, para o secretario xeral da CIG, “que se fale dunha contía que é menor ao subsidio, para aquelas persoas despedidas que non teñen desemprego, cando o normal sería que se se prohibe o despedimento, fosen incorporadas -no mellor dos casos- aos ERTES e á posibilidade de ter as mesmas condicións que outras traballadoras/es”.
“Por que non se recoñece as mesmas medidas para estas persoas traballadoras, evitando situacións discriminatorias?”, pregúntase.
Para Carril, de terse aplicado, como propuxo a CIG desde o primeiro día, un permiso retribuído para cumprir un deber inescusábel e creado un fondo público de compensación para as empresas, a solución sería máis xusta para a maioría social e evitaríase o actual caos.
Fronte a isto, sinala que o goberno vai aprobando decretos sucesivos nos que se van corrixindo a si mesmos, polo que “ao final, estamos falando dunha sucesión de parches, cando o que precisamos son medidas máis globais e con alternativas máis amplas para o conxunto da clase traballadora”.
A isto engade que o “sálvase quen poida” que fai a UE, constatándose que non hai unha Europa Social, “tamén se practica polo Goberno español”.
Necesidade dun amplo e real plan de choque social
Esta reivindicación da CIG segue sendo unha necesidade porque non se dá unha alternativa, de forma xusta, aos gastos que teñen que facer as familias. “A medida que eles dan é complexa á hora de solucionar os pagos de alugueiros, de hipotecas… cando aquí habería que ir polo camiño de que o estado obrigara ás entidades financeiras e ás eléctricas a exonerar do pago das hipotecas, dos alugueiros e dos recibos”.
O secretario xeral da CIG reitera que as medidas que se aproban neste plan social “son insuficientes” porque a solución “non pasa por medidas parciais que o que fan é non unificar as accións sociais do goberno”.
O goberno non garante que pare todo
Paulo Carril cuestiona tamén o incumprimento da exixencia inicial de que pare todo. Nese sentido considera que “non é de recibo que se estea poñendo en entredito e que o goberno se estea emendando a si mesmo pola presión das grandes empresas que está levando a que se manteña a actividade cando é máis que dubidoso que sexa servizos esenciais”.
Por iso insiste en que “a vida das persoas e todos os esforzos por afrontar a emerxencia sanitaria é a prioridade”.