A CIG insta a negociar de inmediato o convenio do transporte de viaxeiros/as por estrada de Lugo
A CIG insta as partes da Comisión Negociadora do Convenio colectivo sectorial do transporte de viaxeiros/as por estrada da provincia de Lugo a retomar a negociación deste convenio, actualmente paralizado dende hai 3 anos.
O secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, Christian López, explica que o convenio tiña unha vixencia até o ano 2015, e con posterioridade ao conflicto xerado na folga do sector a nivel galego polos novos contratos produciuse un Acordo marco galego para o sector en 2017 que, entre outros, determinou a actualización de táboas salariais deste convenio para os anos 2016 e 2017.
Tempo despois, en marzo de 2019, producíuse a constitución da mesa negociadora sen que, dende entón, "se evolucionara na negociación do convenio, sumido totalmente na parálise nesa anualidade".
Entre outras cuestións, debido a esta parálise, denuncia López, no ámbito social hai que destacar a acumulación do diferencial negativo para o persoal do sector dos IPC reais dos anos 2018 a 2021, "que cando menos supoñen un 8,5% de perda de poder adquisitivo nos salarios e que, na actual situación ten que ser un claro obxectivo a superar no proceso da negociación colectiva".
Nesta provincia e neste sector a CIG é o sindicato menos representativo, "pero sen dúbida non o menos combativo, e dende logo temos que axudar a crear unha dinámica que permita evolucionar nun convenio mellorado e que teña garantía contra o empobrecemento dos salarios ao que estamos condenados neste intre pola vía da inacción e a parálise da negociación".