A CIG insta a aproveitar a continuidade da central das Pontes para acadar unha transición realmente xusta
A CIG compareceu este xoves para explicar a súa posición ante o anuncio de non peche da central térmica das Pontes e expor as cinco actuacións que considera se deben adoptar de maneira inmediata neste novo escenario. Na comparecencia interviñeron o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, o responsábel de Enerxía do sindicato, Fernando Branco, e o membro da Executiva da CIG-Industria, Alberte Amado, quen apuntaron que esta decisión constitúe unha oportunidade para encarrilar unha transición realmente xusta nas Pontes, mais advertiron tamén dos riscos que conleva.
"Este anuncio debe permitir o que levamos exixindo dende hai anos: afrontar unha transición enerxética social e territorialmente xusta, ordenada, planificada, que dea seguridade ao sistema eléctrico e xere alternativas de emprego e de reindustrialización", subliñou Carril. Mais tamén advertiu das incertezas que carrexa para o futuro da comarca, polo que reclamou acomodar o cambio a un modelo enerxético estábel sen que para As Pontes signifique un paso atrás nas axudas e proxectos industriais en marcha.
Os representantes da CIG subliñan que o proceso de transición é imparábel "e As Pontes non pode perder o carro da descarbonización. Non podemos volver ao ano 2019 sen un marco definido". Por iso, exixiron claridade nos plans do Goberno español e Endesa para a operatividade da central térmica e determinar o marco no que se vai materilizar esta actividade, de tal xeito que manter abertas as instalacións non supoña deixar As Pontes fóra das axudas e medidas para a transición.
A este respecto, Paulo Carril cualifica de" irresponsabilidade absoluta" por parte de Endesa e do Goberno español a falta de información nun anuncio deste calado, mais cando o único que transcende por parte do Executivo do Estado é que será REE quen determine o funcionamento da central. "Esta non é unha decisión que lle competa ao operador do sistema, esta é unha decisión de corte político polo impacto que ten para As Pontes", recalca.
O secretario xeral denuncia que o Goberno español, a Xunta e Endesa "xa perderon demasiado tempo na aprobación das medidas de reindustrilización e para que reverta no noso favor a importancia estratéxica que debera ter o sectror eléctrico. Cómpre xa unha planificación pública ao servizo do pobo galego e non dos intereses dos consellos de administración das grandes eléctricas".
Abundando nesta cuestión, Fernando Branco aseverou que a transición "para que sexa realmente xusta, implica manter a operatividade da central e en paralelo ir construindo o futuro. E non continuar co sistema que se estaba aplicando até agora, que consistía en matar o presente e o futuro xa virá cando e como sexa".
En calquera caso, Alberte Amado exixiu a necesidade de recuperar e manter o cadro de persoal propio e das empresa auxiliares, garantindo a continuidade laboral en todo este proceso e cesando, polo tanto, nos traslados de persoal e nas ameazas de despedimento. Exixiu tamén a convocatoria de inmediato da Mesa de Transición das Pontes para dar solución as todas estas cuestións mencionadas.
As cinco propostas da CIG
No actual contexto, a CIG entende que se deben adoptar cinco medidas para definir o marco no que manter en activo a central das Pontes, e que este non interfira no avance do proceso cara a unha transición xusta.
1.- Mantemento en situación de operatividade, por cautela ante as incertezas actuais no sector eléctrico, dos grupos 1 e 2 da Central de Carbón (Fase I). Isto obrigaría a Endesa facer os investimentos precisos para a súa perfecta operatividade, o que supón recuperar e manter o cadro de persoal propio e auxiliar completo, e dispor dun stock de carbón completo no Parque de Carbón.
2.- De non ser recuperabeis operativamente os grupos 3 e 4 ( Fase II) , autorizar o peche definitivo dos mesmos , que actualmente non poden operar porque Enel-Endesa xa procedeu ao traslado dalgúns equipamentos. Iniciar, por parte do MITECO, o concurso de adxudicación dos 700 MW que liberarían os dous grupos. E proceder cos traballos de demolición deses dous grupos, sempre e cando non afecte á operatividade dos grupos 1 e 2.
3.- Liberar e poñer a disposición pública a máxima superficie posíbel de terreo para uso industrial, que será desenvolvida en coordinación coa Xunta de Galiza e o Concello das Pontes. Non hai que perder de vista que a día de hoxe, e malia os reiterados chamados por parte da CIG, o municipio carece de chan adecuado para asentar os proxectos industriais que poidan aparecen no marco dos plans de transición.
4.- Proceder tamén a unha revisión global, en coordinación coa Xunta e co Concello, das actuacións desenvolvidas ao longo do tempo polo complexo mineiro-eléctrico nas distintas fases e a súa situación actual. En concreto, as actuacións referidas ás infraestruturas hidráulicas (canalizacións), de comunicación (viais e pistas), e calquera outra considerada de importancia, que están a condicionar ou poidan condicionar a transición a un desenvolvemento alternativo.
5.- Analizar a situación actual da escombreira e do lago no marco dos seus documentos regulamentarios de referencia (Plan de Restauración, Estudos e Declaracións de Impacto Ambiental, ...) e acordar coa Xunta e co Concello as actuacións precisas e a súa execución.
Con estas propostas, subliñaron os representantes da CIG, poderíamos conseguir dous obxectivos: o primeiro unha maior seguridade no subministro eléctrico e, o segundo, unha transición xusta, "pois estaríamos acompasando no tempo o mantemento do emprego actual e a creación de proxectos que garantan o emprego futuro".
Carril, Amado e Branco concluíron que todas estas proposicións que a CIG fai "son imprescindíbeis para que o anuncio da continuidade da central térmica non signifique un novo engano e un novo varapao para o futuro laboral das Pontes e do conxunto do noso país".