A CIG iniciará mobilizacións para reclamar un convenio digno con salarios xustos no sector da construción
A CIG ten convocada unha concentración para o vindeiro xoves, 16 de febreiro, para denunciar a situación de parálise da negociación do convenio de construción e obras públicas da provincia da Coruña, cuxo persoal é hoxe un 10% máis pobre que hai tres anos. A protesta terá lugar ás 12:00 horas diante da sede da patronal APECCO (r/ Mendaña de Neyra, 28) e previamente celebrarase no edificio sindical unha asemblea de traballadores/as para valorar outras medidas a desenvolver.
A Federación de Construción e Madeira da CIG (FCM-CIG) explica que o persoal regulado por este convenio ten conxelados os salarios dende 2021, ano no que se produciu unha perda do poder adquisitivo do 4% pola firma de UGT e CCOO. Dende entón, os traballadores e traballadoras do sector "seguen sen ver medrar os seus soldos nin cobrar os atrasos de 2022 (malia que o IPC foi do 5,7%) nin tampouco do que vai de 2023".
Isto tradúcese en que a día de hoxe o persoal da construción xa é un 10% máis pobre que en 2020, o que supón que este ano un/ha oficial de primeira perderá case 2.000 euros (máis de 150€/mes), nun momento no que os prezos dos bens e servizos básicos non paran de medrar.
Neste contexto de carestía imparábel, a FCM-CIG denuncia que CCOO e UGT sumen a súa representación para, xunto á patronal, manter paralizada a negociación do convenio provincial, co único obxectivo de forzar a asunción do convenio estatal de mínimos, que implicaría consolidar a perda salarial acumulada.
Pero ademais, a través do convenio estatal, preténdese introducir no sector un plan privado de pensións obrigatorio, "ao que irá parar parte dos incrementos salariais futuros para que a gran banca especule aínda máis á nosa conta".
A FCM-CIG chama os traballadores e traballadoras da construción da provincia a mobilizarse para enfrontar este ataque e lograr un convenio digno con salarios xustos.