A CIG iniciará mobilizacións no sector das ambulancias para esixir un convenio xusto
Segundo adiantou Xabier Aboi, da FGAMT-CIG de Pontevedra, está mañá en rolda de prensa a primeira das mobilizacións consistirá nunha manifestación que terá lugar o vindeiro martes día 14 en Santiago de Compostela (sairá da Praza Roxa ás 11.00 horas).
Nela participarán os técnicos/as de emerxencias de todo o país que non se atopen da garda. A decisión foi adoptada polo sector nas concorridas asembleas celebradas a semana pasada. Ao mesmo tempo, amosaron a súa intención de convocar folga no caso que a partir do día 15 non se produza un cambio de actitude por parte da patronal.
Neste senso, Aboi indica que as conversas para negociar o convenio permanecen totalmente paralizadas “ante as propostas inasumíbeis dos empresarios/as xa que suporían unha clara involución nas condicións laborais”. O responsábel sindical, que compareceu diante dos medios de comunicación acompañado de Rodrigo Pazos, técnico do 061 e delegado da CIG nas ambulancias da zona do Salnés, lembra que a patronal accedeu a sentarse a negociar tras a presión exercida polos/as traballadores/as “mais non achegaba ningunha proposta, e cando o fixo foi para presentar unha serie de cuestións inaceptábeis”.
Folga en Ambuibérica
Ao mesmo tempo, o responsábel da FGAMT-CIG adiantou a convocatoria de dúas xornadas de folga, para os días 21 e 23 de xuño, en bases do servizo de urxencias sanitarias do 061 que xestiona a empresa Ambuibérica: Lalín, Silleda, Baiona, Tui, A Guarda, Nigrán, Mos, Ponteareas, Teixeiro, Cerceda, Negreira, Santa Comba, Muros e nas localidades da Costa da Morte.
Os motivos da convocatoria teñen que ver cos incumprimentos en materia laboral que a empresa, que está a facerse coas concesións públicas do servizo de ambulancias galego da man do PP, acumula dende o mes de decembro, ademais de ter contraídas importantes débedas salariais cos traballadores/as, aos que non lles paga os atrasos. Dende a central denuncian que estes impagos achéganse en moitos casos aos 4000 euros por empregado/a. Ademais, recentemente a empresa achegou unha proposta para modificar substancialemente as condicións de traballo, “algo que non imos permitir”, sosteñen dende a CIG.
Uso electorialista das ambulancias
Por outra banda, Aboi criticou o uso electorialista que fai o PP do servizo de ambulancias de soporte vital básico, xa que, segundo revelou, nos próximos días a Xunta vai anunciar a ampliación da cobertura de emerxencias sanitarias en distintas localidades do país. “Primeiro recortan, sen facer nin caso ás demandas sociais, e agora, curiosamente, a poucas semanas dun proceso electoral van anunciar que aumentan as dotacións”.
Así, asegurou que a CIG tivo acceso a información da propia Consellería de Sanidade de que se ampliará catro horas diarias a ambulancia de Marín que fora recortada 12 horas, polo que pasará a estar operativa durante 16 horas; Vilagarcía terá unha máis que dará cobertura 12 horas (pero non será medicalizada, tal e como demanda a veciñanza e os colectivos sociais, políticos e sindicais); no caso de Vigo, as tres ambulancias que estaban a 12 horas pasarán a funcionar 14; Tomiño, que non tiña ambulancia, contará cunha durante 12 horas; A Coruña e Ourense tamén contarán cun novo vehículo durante 12 horas diarias.
Mención aparte merece o caso de Baiona, “curiosamente a localidade natal do conselleiro de Sanidade e onde tamén exereceu como alcalde”. Para este concello o departamento autonómico anunciará unha nova ambulancia que estará operativa os sete días da semana durante 24 horas ao longo dos tres meses de verán.