A CIG iniciará medidas para que o marco da negociación colectiva en Ferroatlántica estea nos centros de traballo
A CIG, diante da sinatura do Acordo Marco para a regulación das relacións laborais e diferentes empresas do Grupo Ferroatlántica, adoptará as medidas legais e sindicais necesarias para que o marco de negociación colectiva continúe estando nos diferentes centros de traballo, e evitar así que se perpetre o roubo que representa o pacto acadado entre dirección de Ferroglobe e as centrais sindicais españolas.
Dende o comezo da negociación, en decembro 2017, a CIG manifestou a súa oposición á intención da Dirección de Empresa e dos sindicatos estatais de asinar un Acordo Marco conxunto de negociación dos convenios colectivos, deixando sen efecto os actuais convenios vixentes en cada centro traballo. Unha negociación que a CIG considera que é de dubidosa legalidade.
Non hai que esquecer que xa en abril de 2017, estes mesmos sindicatos e a Dirección da Empresa subscribiran un Acordo Marco ilegal e fracasado ao pretender dispoñer da venda das Centrais Hidroeléctricas.
A CIG denuncia que a intención última deste acordo é trasladar a negociación colectiva a Madrid; é dicir, que deixen de existir os convenios colectivos dos distintos centros de traballo, como no caso da fábrica de Cee-Dumbría-CC.HH., na fábrica de Sabón e na de Cuarzos Industriais (Mina de Serrabal).
O ámbito de negociación, en cada centro de traballo
Dende a CIG defendemos que o ámbito de negociación neste Grupo corresponde a cada centro de traballo, nos que existen convenios colectivos en vigor e negociacións en marcha para a súa renovación. Ademais, camiñar cara a acordos marco é profundamente antidemocrático e regresivo na mellora das relacións laborais, ao deixar sen efecto o ámbito de negociación de centro de traballo, protagonizado polos comité de empresa e/ou delegados de persoal, con directa supervisión e control dos traballadores/as de cada fábrica, e que garante que as condicións laborais e sociais de cada cadro de persoal teñan unha solución acorde coas súas necesidades.
Para a CIG é un escándalo como a empresa e as centrais sindicais estatais asinantes, sen dar tempo a poder trasladar e informar os traballadores e traballadoras, non se someteron ao debate e opinión dos cadros de persoal nos diferentes centros de traballo e fábricas para iniciar esta negociación, como tampouco solicitaron autorización dos e das traballadores afectados polo asinamento do Acordo Marco.
Retroceso das condicións
Aliás do ataque á negociación colectiva, a constatación do retroceso das condicións laborais a través deste Acordo Marco evidénciase en todo o seu articulado, especialmente no referido a darlle toda a flexibilidade e facilidades á empresa para modificar as xornadas, calendarios e horarios de traballo.
En materia salarial, empobrece os salarios ao deixar sen suba o ano 2016 e 2017 (por moito que inventen importes lineais consolidábeis e non consolidábeis). Xunto a isto, para o ano 2018, 2019 e 2020 establécense uns incrementos que non contemplan a garantía da cláusula de revisión salarial e garantía do poder adquisitivo dos salarios.
A posición da CIG é clara na defensa do actual marco de negociación polos comités de empresa en cada centro de traballo, para evitar que perpetren este atraco a man armada que representa o Acordo Marco e propoñerá a todos os cadros de persoal adoptar as medidas legais e sindicais necesarias para rachar con este nefasto acordo.