A CIG iniciará en Cambados as mobilizacións para reclamar que se negocie xa o convenio provincial da industria vitivinícola

A protesta realizarase o 2 de agosto, coincidindo coa celebración da Festa do Albariño
Cambados - 24 Xul 2026

A CIG celebrou na tarde do xoves unha asemblea de persoas traballadoras da industria vitivinícola para abordar a situación laboral do sector e avaliar as accións a realizar para exixir a constitución inmediata da mesa de negociación do convenio colectivo provincial, que leva sen actualizarse dende o ano 2014.

O encontro, realizado en Cambados, contou cunha numerosa e participativa presenza de persoas traballadoras, que acordaron iniciar mobilizacións para reclamar condicións laborais e salariais dignas, nun sector estratéxico para a comarca do Salnés, e estender a celebración das asembleas a toda a provincia.

A primeira protesta terá lugar o 2 de agosto, coincidindo coa Festa do Albariño, e coa mesma quérese exixir á patronal que dunha vez se constitúa a mesa de negociación para poder actualizar o convenio e avanzar nos dereitos.

Precariedade no sector

A FGAMT-CIG denuncia que a patronal permanece “totalmente de costas á precariedade que padece o conxunto do sector, á vista da nula vontade que teñen de negociar o convenio”. Explican o persoal cobra salarios por debaixo do SMI, que hai un abuso da contratación mediante ETT e dos contratos fixos-descontinuos, e que as persoas traballadoras de campo rematan a súa vida laboral “con xubilacións que non superan os 800 euros”.

“Existe unha infravaloración absoluta do traballo do persoal que sostén diariamente co seu esforzo todo o proceso de coidado das viñas, a elaboración, posterior preparado en adega e saída do viño”, indica Mar Vila, da FGAMT-CIG.

Por iso, fai un chamado a todas as traballadoras e traballadores a participar das asembleas que se convoquen na provincia e na concentración do 2 de agosto, para demostrarlle á patronal que non van aturar máis abusos e que merecen unhas condicións laborais xustas.