Parálise patronal dende hai tres anos no convenio colectivo de carpintería e ebanistería da Coruña
A Federación de Construción e Madeira da CIG vai iniciar mobilizacións para denunciar a parálise e o bloqueo patronal na negociación do convenio de carpintería e ebanistería da provincia da Coruña, caducado dende hai tres anos. A primeira destas protestas terá lugar o vindeiro venres 23, cunha concentración ás 11:00 horas, diante da Confederación de Empresarios da Coruña (Praza de Luís Seoane, A Coruña).
Dende a FCM-CIG explican que a "absoluta ausencia de interlocución" coa parte empresarial levou á negociación colectiva neste sector a unha situación de "parálise e bloqueo inaudita". Denuncian que as condicións laborais e salariais do persoal levan tres anos conxeladas a causa dos problemas dunha asociación empresarial, algo que cualifican de "inxusto e inaceptábel".
O convenio de carpintería e ebanistería afecta na provincia da Coruña a máis de 1.600 traballadores e traballadoras e a máis de 200 centros de traballo.
A este respecto, non cómpre esquecer que, segundo os datos do Consello Galego de Relacións Laborais, entre os anos 2013 e 2016 os salarios galegos aumentaron de media un 2.79%. Pero este incremento non favoreceu ao persoal das carpinterías que perdeu, de media, uns 520€ euros anuais "que dificilmente poderá recuperar".
Para tentar desbloquear a situación e avanzar nas negociacións de cara ao novo convenio, a FCM-CIG dirixiuse por escrito á Asociación de Empresarios de Carpintería e Ebanistería da Coruña, á Federación de Empresarios de Carpintería Ebanistería de Galiza, á Confederación de Empresarios da Coruña e ás principais empresas do sector na provincia.
Ante a falta de resposta por parte destas organizacións, a central sindical iniciou unha campaña informativa en todos os centros de traballo da provincia e acordouse convocar esta concentración diante da CEC. Esta primeira mobilización terá continuidade "até que a patronal decida dunha vez sentar a negociar o convenio".
Finalmente, dende a FCM-CIG engaden que seguirán pulando por superar o caduco e ineficaz marco estatal de negociación colectiva, apostando por un novo convenio galego da madeira.