A CIG-Industria reclama cunha protesta medidas para garantir o futuro da automoción galega
A CIG-Industria desenvolveu onte a primeira das protestas previstas no marco da campaña de información, concienciación e mobilizacións que vén de poñer en marcha en defensa da automoción galega ante a incerteza que enfronta o sector como consecuencia da falta dunha política industrial de país por parte da Xunta e da ausencia de proxectos relacionados co vehículo eléctrico. Varios centos de traballadores/as e delegados/as sindicais percorreron as rúas de Vigo dende Praza América até o Cluster de Automoción y Movilidad de Galicia (Ceaga) para reclamar medidas que garantan o futuro dunha industria da que dependen milleiros de empregos.
Con esta campaña a central sindical pretende alertar sobre as ameazas que comprometen a supervivencia do sector e denunciar os insoportábeis niveis de precariedade e inestabilidade laborais que padecen os cadros de persoal das empresas instaladas maioritariamente nas comarcas de Vigo, Pontevedra e Ourense. De feito, as consignas que máis se repetiron durante a marcha foron “Emprego digno na automoción” e “ERTE na automoción, roubo e explotación”.
Dende a CIG denuncian que “a falta dunha política industrial de país por parte da Xunta e a ausencia de investimentos por parte da empresa principal, Stellantis, de cara á fabricación de novos modelos de vehículos eléctricos poñen en serio risco a continuidade do sector galego do automóbil”, advirten.
Até o punto de que o noso país non rexistrou a instalación dunha nova empresa de compoñentes dende que se puxo en marcha o proceso de descarbonización e se anunciou a prohibición de fabricar coches de combustión a partir de 2030. “Nin a fábrica chinesa que se anunciara para Vigo primeiro nin a de baterías que ía vir despois saíron adiante, mentres vemos como se están a reforzar polos industriais como o do norte de Portugal, o de Aragón-Araba ou mesmo o africano”.
Por iso reclaman de Stellantis, da que dependen a práctica totalidade das compañías de compoñentes instaladas en Galiza, que faga público o plan industrial que vai aplicar nos vindeiros anos. “Xa que estamos a ver como nestes momentos está a fabricar o mínimo de vehículos eléctricos esixido para poder manter o proxecto”. Mentres que da Xunta e dos Concellos das localidades nas que se atopan as fábricas demandan unha aposta decidida de cara a garantir a continuidade da actividade e do actual volume de empregos.
Aumento da precariedade
A CIG quere poñer tamén o foco no imparábel proceso de precarización laboral que está a experimentar o sector galego da automoción nos últimos tempos, “un sector no que proliferan os ERTE, a desregulación da xornada e dos horarios e os baixos salarios”. Até o punto de que as compañías están a utilizar a industria galega do automóbil como “banco de probas” para ensaiar novas fórmulas de aforro de custes en man de obra e de optimización de recursos para tirar os máximos beneficios precarizando as condicións de traballo.
Como mediante o “abuso” que fan as empresas duns ERTE que deixan na casa a cada traballador/a unha media de 45-80 días ao ano, “cando se supoñía que se trataba dunha medida excepcional implantada primeiro pola covid e despois pola falta de microchips e de compoñentes.
Na CIG entenden que estas situacións están xa superadas, polo que rexeitan que as administracións continúen a sufragar con cartos públicos o sistema de flexibilidade encuberta que supoñen os ERTE. “Non hai que esquecer a degradación das condicións que supón a súa aplicación, xa que o persoal de ETT -maioritario no sector- non cobra cando vai ao ERTE (chegando a percibir salarios de 300-400 euros ao mes), mentres que o eventual ten que gastar o paro cando non ten tempo acumulado suficiente; e no caso do persoal fixo ao ter dous pagadores os seus soldos tamén se ven reducidos ao verse obrigados a pagar máis na declaración da renda”.
E todo isto mentres se seguen a traballar noites, fins de semana e festivos, incluso suspendendo vacacións do persoal, “para logo mandar a xente para casa tres días durante a semana”. Na central consideran falsos os motivos esgrimidos polas empresas para xustificar estas paradas na produción, “xa que se fose certo que escasean os compoñentes podían parar para fabricar os compoñentes suficientes para garantir a actividade de xeito continuo, como por exemplo teñen proxectado facer en Portugal”.
En canto á desregulación da xornada e dos horarios, sinalan que todo o persoal do sector “semella xa de ETT, vivindo pendente do teléfono por se ao chaman a traballar, sen saber que día vai ir nin cantas horas, o que fai totalmente imposíbel a conciliación da vida laboral e familiar”.