A CIG-Industria presenta en Ferrol as súas as alternativas e propostas na defensa do sector industrial galego
A CIG-Industria presentou esta mañá en Ferrol as alternativas da central sindical en defensa do sector industrial e, nomeadamente, de sectores estratéxicos para a economía galega como o da industria electrointensiva, o sector naval ou o sector da automoción. A central sindical cuestiona a inacción da Xunta de Galiza e o goberno do Estado diante da evidente desindustrialización do país (que en Ferrol ten un claro expoñente no conflito de Poligal) e ten previsto defender estas medidas, que considera imprescindíbeis para evitar que continúe a sangría no sector, tanto nas institucións como nas rúas.
Deste xeito, fíxose un chamamento os delegados e delegadas da Federación a participar na asemblea nacional que terá lugar o mércores 10 de abril en Santiago de Compostela, e na posterior manifestación que sairá ás 12:00 horas, de diante da facultade de Dereito da USC.
Na comparecencia participaron o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi, o responsábel de Enerxía da Federación, Fernando Blanco, o responsábel do sector naval, Marcelo Amado e o delegado da CIG en Poligal, Bernardo Cabezal.
Perda de emprego alarmante
Bouzas alertou que o desmantelamento do sector industrial nos últimos anos é evidente e malia isto "a Xunta e incluso a propia patronal continúan a negar esta realidade". A modo exemplo, sinalou que nos últimos dez anos perdéronse en Galiza preto de 10.000 empregos no sector industrial e as deslocalizacións están á orde do día, tal e como evidencia o conflito de Poligal. "A política que se está a deseñar dende a Administración galega non está pensada para o país, nin para a defensa do pouco sector industrial que temos, nin para a creación de novos postos de traballo. Estase abocando á economía galega a depender do sector servizos, pero se non hai industria todos os demais sectores resentiranse", alertou.
Criticou que a pesar de falarse de sectores estratéxicos como o da automoción nas provincias de Pontevedra e Ourense, o naval -tanto público como privado- nas rías de Ferrol e de Vigo ou a industria electrointensiva na zona da Coruña e A Mariña, "o certo é que non existe unha aposta definida e decidida na súa defensa". Por iso, engadiu, a CIG ten elaborado unha serie de propostas para cada un destes subsectores que se están presentando tanta ás Administracións públicas como ás diferentes patronais.
Tarifa industrial estábel e predicíbel para as electrointensivas
O responsábel de Enerxía da CIG, Fernando Blanco, denunciou que dentro desta crise industrial, a situación das electrointensivas resulta especialmente grave tendo en conta que Galiza é produtora e exportadora de enerxía e malia a nosa condición de excedentaria, "nunca conseguimos que isto beneficiara o noso país: nin ao conxunto da cidadanía, nin tampouco á industria". Unha situación exemplificada nos EREs presentados para as fábricas de Ferroatlántica da Costa da Morte e Arteixo e a ameaza de peche da planta de Alcoa da Coruña.
Sobre esta cuestión, lembrou que a CIG xa levou hai uns anos ao Parlamento galego unha ILP que durante a súa tramitación "foi totalmente desfeita polo PP". Ademais, en outubro pasado, a central formulou unha proposta para a creación dunha tarifa para as industrias con grandes consumos enerxéticos e, neste momento, está en marcha unha iniciativa lexislativa popular para a recuperación das hidráulicas para o sector público.
A respecto da tarifa electrointensiva subliñou que tivo escasa recepción tanto por parte da Xunta "que no tema industrial está como sempre de espectadora", como por parte do goberno español, a quen acusou de non considerar prioritaria esta cuestión "malia o prazo de caducidade de Alcoa A Coruña, que é o 30 de xuño". Neste punto referiuse ao informe que a central solicitou á UdC que avala a viabilidade e legalidade da adquisición pública das factorías. "Nós estamos facendo os deberes que nos corresponden como central sindical, pero non atopamos receptividade nin por parte do goberno galego nin por parte do goberno estatal", lamentou Blanco.
Carga de traballo, modernización e vertebración para o naval
En canto ao naval, Marcelino Amado, responsábel deste sector na CIG-Industria, criticou que a Xunta non ten unha política ordenada para esta actividade e que esta eiva incide especialmente no sector privado. Con respecto ao naval público, sinalou que, aínda que se asinaron os contratos das fragatas, polo atraso producido "a causa de intereses partidistas", haberá un baleiro de carga de traballo nos estaleiros da ría de Ferrol de dous anos "nos que practicamente estaremos sen ocupación na grada". "Teremos que volver mobilizarnos para reivindicar proxectos que cubran o espazo de tempo entre o remate dos AOREs australianos e o inicio das fragatas, no que quedarán na rúa uns 600 operarios e operarias das industrias auxiliares", adiantou.
"É preciso que se poñan medidas inmediatas en marcha e como CIG proporemos iniciar un calendario de mobilizacións ás outras centrais sindicais con esta reivindicación". Nesta liña, defendeu que nos estaleiros de Navantia se faga construción civil. "Agora xa non hai vetos e hai que pór en marcha proxectos para que as instalacións de Fene volvan á construción civil, isto suporía afianzar o sector e ter unha política industrial de futuro. A eólica é un complemento, pero non pode ser o centro do traballo, porque non palía a destrución de emprego", valorou Amado.
Sobre Carenas, apuntou que ten un nivel alto de ocupación, pero as inversións que se están facendo non van dirixidas a manter ese mercado nin a introducirse noutros mercados novos. Sobre Turbinas, puxo a atención no feito de que a última reorganización de Navantia afonda na súa minorazión, e ao tempo que non existe un investimento que propicie ter un produto propio "que a faga despegar". Xunto a isto, pulou pola modernización dos estaleiros "que consoliden ás instalacións no mercado militar".
No relativo ao naval privado dáse unha recuperación feble da carga de traballo, pero segue existindo unha atomización importante do sector, e incluso as empresas con contratos teñen problemas". Aí están os casos de Vulcano, sumido nun concurso de acredores, e Barreras, para a que se asegurou que PEMEX sería a súa salvación e que agora vende a súa parte. Xunto a isto alertou tamén da entrada de fondos de investimento no naval porque o seu interese non é crear postos de traballo, senón obter os máximos beneficios. Fronte a isto, demandou un plan por parte da Xunta para vertebrar o sector e, para os momentos de baixada da ocupación, ter plans de formacións para ligar o persoal ao sector.
Deslocalizacións, o exemplo de Poligal
Na rolda de prensa tamén compareceu Bernardo Cabezal, delegado da CIG en Poligal, unha das empresas insignia dos proxectos nacidos tras da mal chamada reconversión naval e que agora, tras recibir inxentes cantidades de axudas, pretende liquidar a planta de Narón e desfacerse dos seus 108 traballadores e traballadoras.
Dende a súa posta en marcha, explicou, Poligal dedicouse a xerar unha marca e uns coñecementos "dos que se aproveitaron as outras plantas do grupo". Nesta liña, denunciou que cada catro anos o persoal tiña que combater contra das medidas de axuste que a dirección quería implantar: recortes de salarios, condicións, etc. Algo do que "a Xunta e o Igape eran coñecedores. Por iso non entendemos que a unha empresa que recibe tal cantidade de axudas públicas non se lle faga un seguimento e unha supervisión do que está a facer", denunciou Cabezal.
Esta falta de control facilitou que Poligal levantara a súa planta de Portugal e a partir de aí creou unha estrutura organizativa dentro da propia empresa "que permite descapitalizarse e deslocalizarse a outra empresa do grupo en calquera momento". "A máxima responsábel do conflito é a propia empresa, por presentar o concurso de acredores, pero tamén teñen responsabilidade as administracións públicas polo seu deixamento ao longo de todos estes anos", criticou.
Cabezal esixiu que a mesa técnica creada co Igape e Industria "dea resultados inminentes, non se poden ter mesas de traballos que apenas avancen" e reclamou unha intervención directa por parte dos gobernos autonómico e español. "Poligal é a única empresa supervivente daqueles plans nacidos da reconversión industrial e non se pode permitir que Ferrolterra quede sen tecido industrial", aseverou.