A CIG mobilízase en Stellantis e no CEAGA en defensa do emprego e dunhas condicións dignas na automoción
Delegados/as da CIG no sector do automóbil da comarca de Vigo desenvolveron hoxe unha nova concentración ás portas de Stellantis e do Cluster de Automoción e Mobilidade de Galiza (CEAGA) en defensa do emprego e para reclamar unhas condicións dignas na automoción.
O secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, amosou a preocupación da central sindical tras os últimos anuncios feitos pola transnacional francesa a respecto do proxecto do vehículo eléctrico, xa que abren a porta a novos recortes. “Todo apunta que se vai desviar produción a outras partes do mundo e non se lle vai encargar a fabricación de pezas para os novos modelos de Stellantis ás empresas instaladas na comarca de Vigo”.
Neste senso, denunciou que o “principal proxecto” de Stellantis é a redución de custos, coa conseguinte baixada de salarios, polo que incidiu en que os 29 millóns de euros dos PERTE comprometidos polo Goberno español “non poden ir ás contas de resultados das compañías, senón que eses cartos públicos teñen que empregarse para fortalecer un sector esencial para zonas como Vigo, Pontevedra e Ourense”.
Por iso instou a unha aposta decidida por parte das administracións pola industria galega do automóbil. “De feito, dende a CIG seguiremos coas medidas de presión para que a cambio dese diñeiro se lles esixa ás empresas manter os seus centros de traballo aquí pagar salarios dignos e non desregularizar a xornada.
Ademais, censurou que a Xunta estea a dicir que se o Goberno central non achega os cartos suficientes para que Stellantis poida manter os proxectos faráoo a Administración autonómica, “pero vemos como o Centro Tecnolóxico do Automóbil de Galiza (CTAG) está a apostar por que o centro tecnolóxico do vehículo eléctrico se instale en Portugal. “Se imos poñer cartos públicos para isto imos mal”, sinalou.
Finalmente, asegurou que o sector atópase nunha “situación crítica” e precisa dunha aposta decidida por parte dos poderes públicos. “Ninguén coñece o proxecto de futuro de Stellantis para a comarca de Vigo e a ninguén semella preocuparlle o que poida pasar con centos e centos de empregos porque ningunha organización, excepto a CIG, está a alzar a voz e a loitar na defensa dos postos de traballo e por unhas condicións dignas no sector galego da automoción”.