A CIG-Industria escenifica as graves ameazas que enfronta o sector galego da automoción
Deslocalización, explotación, precarización, reconversión. Estas son as principais ameazas que enfronta o sector galego do automóbil, e que a CIG escenificou hoxe diante do Concello de Vigo cunha concentración na que representantes da central sindical en máis de 20 empresas da industria da automoción despregaron faixas e expresaron ás súas problemáticas concretas.
Na mobilización, que fai parte da campaña que a CIG-Industria está a desenvolver en defensa do sector, participaron delegados/as e traballadores/as tanto da empresa principal, Stellantis, como das compañías auxiliares das comarcas de Vigo, Pontevedra e Ourense, nas que se concentran a maioría dos postos de traballo do sector.
Durante o acto interviñeron distintos representantes sindicais para alertar da situación de crecente precariedade laboral e de falta de carga de traballo que padecen nas súas empresas e denunciar a política de ERTE indiscriminados que se instalou dende a pandemia. Neste senso, o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi, que tomou a palabra ao final, denunciou que cada ano que pasa aumenta o número de días que os cadros de persoal permanecen no desemprego.
“O modelo que están a validar o Executivo central, a Xunta e o Goberno local co seu apoio explícito aos plans de Stellantis supón sufragar con cartos públicos as paradas impostas pola empresa principal, ter empregos cada máis precarias para abaratar custes, desregular a xornada e as quendas, traballar en festivos e quedar na casa os días laborábeis, etc”.
O responsábel sindical advertiu tamén que a “profunda transformación” do sector que anunciada polo novo director de Stellantis pasa pola deslocalización da produción a países como Portugal, Marrocos, Turquía, Arxelia ou Polonia e por un proceso de reconversión “que todas as persoas traballadoras sabemos o que significa despois do acontecido co sector naval galego”.
Beneficios e subvencións millonarias
Todo isto nun contexto en que as empresas, sobre todo a principal, están a recibir inxentes subvencións públicas e teñen pendentes outras como os PERTE, “sen que iso signifique garantía algunha para o mantemento do emprego e das condicións laborais, ou nin sequera para que os proxectos se desenvolvan en territorio galego”.
De feito, Stellantis obtivo 18.600 millóns de euros de beneficios en 2023 e o seu CEO ten un soldo de 36 millóns. “O mesmo que insiste na necesidade de reducir custes de fabricación, o que se traducirá en máis recortes salariais para os cadros de persoal e para as empresas de compoñentes, e que aposta porque os servizos que foron externalizados se asuman agora internamente a través de ETT e de centros especiais de emprego”.
Ao mesmo tempo, Bouzas Aboi censurou a complicidade da Xunta cunha empresa “que non fai máis que ameazar as Administracións públicas cun proceso de reconversión do sector se non recibe subvencións” e a inacción da Inspección de Traballo ante as constantes denuncias por incumprimentos e abusos laborais.
“En consecuencia, non nos queda máis que continuar coas mobilizacións, coa confrontación e coa loita na defensa do sector, do emprego e dunhas condicións laborais dignas, porque nós si que cremos na industria galega da automoción, aínda que non a calquera prezo”.