A CIG-Industria de Vigo faise cos 5 representantes no comité do CETEC, centro tecnolóxico do Grupo Copo
A federación de Industria da CIG de Vigo fíxose cos cinco delegados/as que se escollían no comité de empresa do CETEC, centro tecnolóxico do Grupo Copo, nas eleccións sindicais que se veñen de celebrar na compañía con sede en Mos. A central sindical foi a única organización que logrou presentar candidatura ao proceso.
Do total de 76 traballadores/as da empresa, participaron no proceso 58. Entre o persoal técnico e administrativo emitíronse 20 (19 a favor e 1 en branco), escolléndose dous representantes. Entre os especialistas contabilizáronse 38 votos (36 a favor e 2 en branco), escolléndose tres representantes. Nas anteriores eleccións sindicais a CIG xa obtivera os tres delegados/as de persoal que se ecollían, pero nesta ocasión pasouse a comité de empresa ao superarse os 50 traballadores/as.
Dende a CIG de Vigo valoran o feito de que o resultado obtido pola candidatura da CIG é froito do intenso traballo sindical desenvolvido nos últimos anos pola representación da central sindical no CETEC, incluíndo convocatoria de folgas e mobilizacións para rexeitar o despedimento de varios/as empregados/as.
Ao mesmo tempo, os delegados/as da CIG na empresa de I+D+i do Grupo Copo, dedicado ao sector da automoción, adiantan a súa disposición a seguir loitando na defensa dos dereitos laborais e sociais do conxunto do cadro de persoal do CETEC.