A CIG concentrarase en Asientos de Galicia para denunciar a precarización laboral e a perda de emprego
A CIG-Industria ten convocada unha concentración para o vindeiro mércores, 15 de maio, diante de Faurencia-Asientos de Galicia (Polígono de Valadares, rúa 3), ás 10:30 horas, para denunciar a precarización das condicións laborais e os recortes salariais aplicados ao persoal e rexeitar os despedimentos que pretende executar a dirección da multinacional.
Esta mobilización forma parte da campaña que a central sindical está a desenvolver en resposta ao crecente deterioro das condicións de traballo neste sector e para reclamarlles ao Goberno español e á Xunta políticas que garantan o futuro da industria galega do automóbil ante a transformación que atravesa pola chegada de novas tecnoloxías e a aprobación da lei de cambio climático e transición enerxética.
De feito, a CIG xa se reuniu cos grupos parlamentares o pasado mes de febreiro para presentarlle o documento de propostas da Federación para o sector da automoción e solicitarlles que as convertan en iniciativas parlamentarias para garantir a súa supervivencia. Está pendente de concretarse unha xuntanza co clúster de empresas da automoción para abordar a situación desta industria e está solicitada tamén reunión coa Xunta de Galiza.
Para a CIG-Industria resulta fundamental apostar por vehículos menos contaminantes (híbridos, eléctricos e híbridos a gas); así como polo coche autónomo, de alto valor engadido, e no que a industria galega está a quedar nunha posición moi feble a respecto doutros países. O sector da automoción, lembran, é estratéxico para o noso país e fundamental para as bisbarras de Vigo e Ourense.
Estratexia de precarización en Asientos de Galicia
A decisión de levar a protesta a filial de Faurencia no Polígono de Valadares responde á estratexia de precarización laboral e salarial que a multinacional está a aplicar na súa división de asientos. Malia que nos últimos anos Asientos de Galicia tivo uns beneficios superiores aos 15 millóns de euros por exercicio, a dirección mantén o discurso de que "non son competitivos"; unha sorte de mantra que repiten todas as empresas do sector.
Non hai que esquecer que no ano 2016 a dirección propuxo unha redución salarial de 3.000 euros baixo a escusa de que había que gañar competitividade e así poder optar á adxudicación do novo modelo P24. Ao tempo, o Grupo Faurencia conseguiu os asentos do Citroen K9, pero subcontratou esta actividade coa auxiliar LEAR (o antigo Grupo Antolín), deixando sen carga de traballo á súa planta de Asientos en Vigo.
A isto hai que sumar que o convenio de empresa a cinco anos asinado por CCOO, UGT, CSIF e CGT implica que os traballadores e as traballadoras non teñan aumentos salariais reais até 2020, para cando se contemplan subas iguais ao IPC. Pero, ademais, para os anos 2018 e 2019 asinaron un ERE temporal e unha redución salarial para cada un destes exercicios de 1740€ e 1000€, respectivamente.
Aínda que nese convenio de empresa se recolle que a empresa non realizará despedimentos durante o tempo de vixencia deste, a realidade é que, a día de hoxe, a dirección de Faurencia-Asientos de Galicia quere precarizar aínda máis as condicións e baralla levar a cabo extincións de contratos por causas obxectivas co obxectivo de recortar o cadro de persoal, a pesar de que nesta planta producirá o novo modelo de PSA Citroen.
A CIG non vai permitir este incumprimento flagrante do convenio e que a empresa execute despedimentos cando non existen causas que o motiven. A central tamén solicitou unha reunión co comité para afrontar de maneira conxunta este ataque laboral, mais os sindicatos asinantes do convenio rexeitaron esta posibilidade.