A CIG-Industria acusa a Viza de ameazar con deslocalizar produción para forzar un convenio colectivo á baixa
Dende a CIG-Industria de Vigo explican que a empresa de capital galego, dedicada á fabricación de compoñentes para o sector do automóbil, vén de facer público que se fixo coa adxudicación dun proxecto da fábrica de Volkswagen en Nafarroa para a produción das armaduras traseiras de 100.000 vehículos ao ano, “unha gran carga de traballo que requerirá o investimento de 10 millóns de euros”. Mais o problema chega cando Viza anuncia que as pezas se fabricarán en Chequia, “onde din que os niveis de custe e competitividade son viábeis”, e non en Galiza.
E iso a pesar de que o normal é que as compañías cando dan un orzamento para optar á adxudicación o fagan para a factoría que teñen máis preto do cliente, “posto que os asentos xeran uns volumes que fan que o gasto de transporte sexa mesmo superior ao de fabricación”.
Para a central, trátase dunha estratexia da dirección para empeorar as condicións laborais do cadro de persoal aproveitando que este ano se negocia o convenio colectivo nas dúas empresas que o grupo ten no Porriño, Viza e Alymosa. “E iso a pesar de que recibe subvencións públicas da Xunta e do Estado e de que obtivo beneficios nos últimos anos”, denuncian.
Ao mesmo tempo, consideran que a decisión de deslocalizar a produción é unha falta de respecto ao persoal galego destas dúas compañías -“que realizou grandes esforzos en materia laboral e salarial nos últimos tempos”-, sobre todo despois de que a dirección lles comunicase xa que en 2020 “sobrarán” 50 persoas en Viza e 12 en Alymosa.