A CIG gaña por maioría absoluta as eleccións en Snop Estampación a primeira vez que se presenta
A federación de Industria da CIG de Vigo vén de gañar por maioría absoluta as eleccións sindicais celebradas recentemente na compañía do sector do automóbil Snop Estampación, con sede no polígono de Porto do Molle, en Nigrán, a primeira vez que logrou presentar candidatura. A central fíxose con 7 dos 13 representantes que se escollían no comité de empresa grazas aos 124 votos obtidos no proceso.
A CIG-Industria sumou os 7 delegados/as no colexio de especialistas, no que a UGT contabilizou os 3 restantes ao sumar 63 apoios. O sindicato estatal completou a súa representación cos 3 representantes que se escollían entre o persoal técnico e administrativo, sendo a única candidatura presentada. Tamén se rexistraron 4 votos en branco no colexio de especialistas e 16 en branco e 5 nulos entre o persoal técnico e administrativo.
Os resultados abren unha nova etapa no xeito de entender e de desenvolver o traballo sindical na empresa
Dende a central agradecen o apoio e a confianza amosada polo conxunto dos traballadores/as de Snop no proxecto sindical que representa a CIG e consideran que "estes resultados veñen abrir unha nova etapa no xeito de entender e de desenvolver o traballo sindical na empresa”.
Neste senso, lembran que dende o inicio do proceso deixaron moi claro os que ían ser os principais obxectivos da representación da CIG na compañía: mellora do convenio colectivo e do plan de igualdade e toma de decisións baseadas na transparencia e supeditadas á celebración de asembleas.