A CIG gaña as eleccións sindicais na empresa ZF Dalphimetal-TRW de Vigo
A CIG-Industria vén de gañar as eleccións sindicais celebradas recentemente na empresa ZF Dalphimetal-TRW, situada no polígono vigués do Caramuxo, ao obter sete representantes no comité. A central, que foi a forza máis votada nos dous colexios, sumou dous novos delegados/as con respecto ao anterior proceso.
Dos 17 representantes que conforman o comité de empresa, a CIG fíxose cun total de sete -dous máis dos que obtivera no anterior proceso- grazas aos 161 votos colleitados. A vitoria da central produciuse tanto no colexio de especialistas (tres delegados/as) como no de técnicos/as e administrativos/as (catro delegados/as), aínda que neste último colexio empatou en apoios con CCOO (87 votos). Deste xeito, a representación do persoal quedará integrada por sete delegados/as da CIG (161 votos), cinco de CCOO (116 votos), catro da UGT (99 votos) e un da CUT (22 votos).
Nas eleccións votaron 415 traballadores/as dos 535 que conforman o cadro de persoal da compañía do sector da automoción con sede no polígono vigués do Caramuxo. Dende a sección sindical da CIG na empresa valoran moi positivamente a alta participación rexistrada no proceso e agradecen o apoio amosado polos empregados/as á candidatura da central.
Ademais, salientan a importancia dos resultados de cara a enfrontar coas maiores garantías a negociación do novo convenio colectivo e os retos que ten por diante o sector do automóbil nun contexto de deslocalizacións xeneralizadas. “E sobre todo para evitar o sucedido na anterior negociación, cando que o resto de sindicatos avalaron coa súa sinatura un convenio que supuxo o despedimento de 28 traballadores/as”, decisión que unicamente a CIG rexeitou mesmo convocando protestas diante da empresa.