A CIG gaña as eleccións en GKN, principal auxiliar da automoción, por primeira vez nos 50 anos da empresa
A federación de Industria da CIG gañou as eleccións sindicais en GKN Driveline de Vigo, a principal compañía auxiliar da automoción, por primeira vez nos 50 anos da empresa. A central sindical fíxose con 8 dos 21 representantes do comité no proceso celebrado onte, no que participaron 677 das 790 persoas que integran o cadro de persoal.
A CIG logrou 8 dos 21 representantes do comité grazas aos 256 votos colleitados (39%); 7 foron para CCOO, que sumou 201 apoios (30%); 5 para a UGT, con 153 votos (23%); e 1 para a CUT, que obtivo 47 apoios (7%). Por colexios, no de especialistas a CIG logrou unha ampla maioría con 229 votos e 7 delegados/as; a continuación situouse CCOO con 169 votos e 5 delegados/as; despois a UGT, con 110 votos e 3 delegados/as; por último a CUT, con 47 votos e 1 delegado/a. Entre o persoal técnico e administrativo a UGT sumou 43 apoios e 2 delegados/as, CCOO, 39 apoios e 2 delegados/as e a CIG 27 apoios e 1 delegado/a.
O resultado vén a reflectir o traballo sindical que día a día estamos a facer non só nesta compañía, senón no conxunto do sector
Trátase da primeira vez nos 50 anos de historia da empresa na que a CIG se fai coa vitoria nas eleccións sindicais, “algo que vén a reflectir o traballo sindical que día a día estamos a facer non só nesta compañía, senón no conxunto do sector, onde estamos a colleitar moi bos resultados”, salientan dende a central. Neste senso, lembran que no anterior proceso celebrado en GKN o comité de empresa quedara configurado con 9 representantes de CCOO, 6 da CIG e outros 6 da UGT.
Para rematar, dende a sección sindical da CIG na empresa da automoción agradecen a confianza depositada polos/as traballadores/as no proxecto sindical que representan e renovan o seu compromiso coa defensa dos dereitos laborais do conxunto do persoal. “Seguiremos a loitar pola mellora das condicións de traballo de todos/as os empregados/as de GKN, a partir de agora se cabe con máis forza tendo en conta o apoio que nos vén de demostrar a maioría do cadro de persoal”.