A CIG gaña as eleccións sindicais en Abante BPO-Lugo
As eleccións contaron cunha alta porcentaxe de participación, un 81,5%, e a CIG foi a lista mais votada con 81 votos e obtendo 4 representantes nun comité de empresa composto por 13 membros. Do resto de sindicatos que se presentaban CCOO obtivo 69 votos e 3 representantes, UGT 59 votos e 3 representantes, e CGT obtivo 51 votos e 3 representantes.
“Este resultado ten un valor moi importante para a CIG toda vez que é a primeira vez que presenta candidatura nesta empresa, onde actualmente o comité estaba composto por 10 membros de CCOO e 3 de UGT. Igualmente, este resultado permite á CIG entrar no sector do telemarketing na provincia de Lugo, onde non tiñamos representación, a pesar de sermos a primeira forza sindical no sector en Galiza”, subliña o Secretario de Organización da CIG de Lugo-A Mariña, Lois Neto.
Desde a CIG quérese agradecer á totalidade do cadro de persoal a alta participación no proceso, “á vez que a aposta decidida pola conformación dun comité de empresa plural e renovado”.
Para rematar, sinala Neto “dende a CIG somos conscientes da mensaxe que as traballadoras e traballadores nos enviaron ás centrais sindicais e intentaremos impulsar dinámicas participativas e combativas no comité de empresa, e traballaremos co obxectivo de que o mesmo actúe co máximo grao de unidade posíbel para así fortalecer a defensa dos intereses de toda o persoal”.