A CIG faise cos tres delegados de persoal que se escollían na empresa Gutterkel de Ourense
A CIG-Industria logrou os tres delegados de persoal que se escollían na empresa ourensá Gutterkel no proceso de eleccións sindicais que se veñen de celebrar. A central sindical foi a única organización que foi quen de presentar candidatura nesta compañía do sector do siderometal.
Os tres candidatos que integraban a lista da CIG colleitaron un total de 68 votos entre os 33 traballadores/as que forman o cadro de persoal de Gutterkel. A candidatura da central sindical foi a única que concorreu a un proceso no que a UGT tamén intentou participar.
Nas anteriores eleccións, celebradas hai catro anos, a CIG fixérase co único representante que se escollía, ao obter un voto máis que a UGT. Dende a federación de Industria valoran o feito de que nesta ocasión lograsen facerse con toda a representación, “o que vén a ser un recoñecemento pola nosa oposición ao convenio do siderometal asinado por CCOO e UGT porque supón un incremento salarial dun 0,75%, que é claramente insuficiente”.
Por iso agradecen o apoio amosado polo cadro de persoal de Gutterkel e adiantan que a representación da CIG na empresa dedicará os vindeiros anos a loitar na defensa das condicións laborais do conxunto dos traballadores/as da compañía.
Finalmente, salientan o feito de que con este resultado, sumado ao delegado obtido recentemente en Comfica, a central sindical achégase á representación da UGT no convenio do siderometal (37 delegados/as da CIG fronte a 41 da UGT; mentres que CCOO suma unicamente 18).