A CIG exixe que se investigue a denegación de auxilio de Irlanda á tripulación do Manuel Laura
O barco Manuel Laura, de capital galego, coa súa tripulación mairitariamente do Morrazo e con bandeira británica, regresa neste intre ao porto de Vigo tras ser expulsado de Irlanda cun caso covid-19 positivo e outro probable. A CIG denuncia a denegación de auxilio e o incumprimento do Regulamento Sanitario Internacional. Exixe, diante disto, que tanto a Xunta como a administración do Estado investiguen o acontecido e se adopten medidas contundentes contra Irlanda.
Segundo explica o responsable do sector de Mar da FGAMT, Xavier Aboi, a tripulación do Manuel Laura foi vacinada uns días antes de saír ao mar. “Polo que sabemos, estando en alta mar, en augas do Gran Sol, un tripulante comezou a sentir molestias. Chamaron, como é preceptivo, ao Centro Radio Médico de Madrid e cando chegaron ao porto de Castletownbere, en Irlanda, tiveron que vivir unha auténtica odisea”, sinala.
Aboi asegura que sufriron “presións, ameazas veladas e suxerencias” e que as autoridades irlandesas dixéronlles que non había ambulancias dispoñíbeis nin taxis para casos covid. Denuncia que se negaron a prestarlles asistencia médica e que o único que conseguiron foi que unha enfermeira subira a bordo a facer unha PCR coa que se confirmou o positivo.
Finalmente o barco foi, segundo Aboi, obrigado a abandonar o porto e iniciou regreso a Galiza “cando o Reglamento Sanitario Internacional prohibe que un barco afectado por unha situación coma esta, cun COVID positivo confirmado, poida saír do porto, todo o contrario do que fixo Irlanda”.
Fronte a actuación de Irlanda Aboi lembra casos similares de barcos galegos que ían para Malvinas, que pararon en portos tanto de Brasil como de Uruguai, países cuxas autoridades non deixaron saír ás embarcacións mentres non se curaron os doentes ou foron trasladados a hospitais.
Demanda de investigación
O representante do sector do Mar da FGAMT-CIGF exixe, ante isto, que unha vez que chegue o barco ao porto de Vigo, tanto a Xunta como a administración do Estado abran unha investigación e adopten medidas drásticas contra un país da UE como Irlanda por denegación de auxilio porque “non se pode permitir que se xogue coa vida dos tripulantes galegos”
Reclama ademais que se explique “que pasou, por que Irlanda se negou a atender aos tripulantes e que medidas van adoptar” e rexeita, con contundencia o que considera unha “chantaxe” de Irlanda.