A CIG exixe que se adopten as medidas necesarias para garantir que todas as traballadoras/es queden na casa
A CIG fai un chamamento a que se adopten todas as medidas laborais necesarias para que se garanta que toda a xente poida realmente quedar na casa. A central sindical entende que non se poden seguir acumulando erros e que, polo tanto, é necesario modificar o decreto aprobado polo Consello de Ministros e Ministras, para que as medidas vaian na liña das adoptadas por outros estados europeos, como a CIG ten demandado desde o primeiro día. Á inxustiza e insuficiencia das medidas, súmaselle a utilización abusiva polas Empresas.
Así o considera o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, para quen “se deben paralizar todas as actividades, agás aquelas declaradas imprescindíbeis para afrontar esta situación de emerxencia sanitaria”. Servizos esenciais nos que, en todo caso, deben adoptarse todas as medidas de seguridade, sen escatimar medios de protección, de forma que as persoas que desenvolvan estas actividades indispensábeis poidan facelas de forma segura e con todas as garantías.
Entre outras, Carril demanda medidas de protección para o persoal sanitario e para as traballadoras e traballadores dos servizos de atención ás persoas maiores, sexa a través dos Servizos de Axuda no Fogar, sexa a través de residencias da terceira idade, ou centros sanitarios. Servizos nos que é imperativo dispor de todos os medios humanos e materiais, pero “sempre contando con todas as medidas de prevención”.
A falla de material de protección é especialmente preocupante nos centros de maiores, sobre todo nos dependentes da consellaría de Política Social, onde aínda non se tomaron as medidas de prevención necesarias, nin se dotou de EPI adecuado ao persoal, como tampouco se adoptaron as medidas organizativas necesarias na xestión do persoal. Mais tamén nos centros hospitalarios, onde o persoal da sanidade pública está demandando EPIs completos para evitar contaxiarse.
Para a CIG tamén é urxente reforzar os cadros de persoal, con respecto aos seus dereitos laborais, nos sectores económicos con obrigas de traballar, como comercio, farmacias, atención a maiores ou servizo postal universal. Así mesmo, demanda que se vixíe que non se abuse por parte das empresas no relativo a xornadas e descansos, explica o secretario xeral quen demanda ademais medidas de mobilidade que non fagan recaer o custo de ir ao posto de traballo sobre as traballadoras e traballadores.
Nas grandes superficies de comercio-alimentación, sector de ambulancias e transporte sanitarios, denuncia que se está saltando o decreto do goberno porque non se está adoptando nin as medidas mínimas de seguridade. Ademais, en sectores como telecomunicacións e centros de chamadas a situación é grave ante o mantemento inxustificado de actividade e por riba, sen a adopción das medidas necesarias.
“Entendemos que o que prima neste momento é a seguridade sanitaria fronte a calquera intento de manter a actividade económica”, especifica Carril, para quen “nesta situación, as políticas públicas son as únicas posíbeis, son máis necesarias que nunca. Por esa razón, todos os medios económicos deben estar ao servizo do interese social e público xeral”.
Modificación do decreto
Respecto da demanda de modificación do decreto aprobado polo Consello de Ministros e Ministras, a CIG exixe, entre outras cuestións, que en todas as contratas que traballan para as administracións públicas, quer municipais, quer galegas “se garanta o mantemento dos contratos, polo tanto de todo o emprego, e a percepción íntegra dos salarios das traballadoras/es”, indica o secretario xeral.
Demanda ademais que se contemple a situación das empregadas do fogar e se lles dea un solución, porque “o decreto non contempla ningunha medida que asegure os ingresos para estas traballadoras que viron paralizada a súa actividade”.
Xunto a isto, Carril apunta tamén a necesidade de que se garanta a concesión automática a petición das persoas traballadoras de todas as solicitudes de adaptación ou redución de xornada porque de caso contrario, estase impedindo un dereito tan fundamental como o que é neste momento o coidado de maiores e menores. Por outra banda, urxe e que “se axilice e se dea unha solución, que aínda non existe, para as solicitudes de desemprego”.
A este respecto subliña que “é necesario garantir que, para os que actualmente están a cobrar o desemprego, esta alarma sanitaria non os castigue dando por consumida a súa prestación neste tempo”. Xunto a isto apunta que moitos traballadores/as con contratos temporais ou de ETT, s que foron despedidos/as, “deben de ter dereito ás mesmas medidas que o resto dos traballadores”.
Denuncia do papel das mutuas
O secretario xeral da CIG denuncia tamén o papel das mutuas e apunta, sobre todo, o de Ibermutua Gallega. Denuncia que son moitas as persoas traballadoras e traballadores que foron e son citadas a través de mensaxe aos seus móbiles para acudir a cita nesta mutua (Ibermutua Gallega) con resolución de alta médica. “Entre as persoas citadas, atópanse traballadoras/es en situación de I.T. por patoloxías consideradas de especial risco, outras/os con secuelas ou en proceso de recuperación que precisan de acompañamento nos seus desprazamentos”, explica, e denuncia que “desde a CIG entendemos que a mutua vén de situarse á marxe do esforzo colectivo que se nos está pedindo, máis considerando a súa cualificación de entidade colaboradora coa Seguridade Social”.
Cualifica o seu comportamento de “abusivo e antisocial” e o considera “totalmente intolerábel a día de hoxe”. Por iso agarda “que o ocorrido non volva repetirse en días sucesivos e, moito menos, se observen prácticas similares por parte doutras entidades”.
Denuncia da xestión de baixas
Respecto das baixas que está a dar o Servizo Galego de Saúde explica que se están dando baixas por parte do SPS de primaria por ter os síntomas, máis non se lle aplican os códigos por estar en corentena, que é o que garante o cobro do 75% dende o primeiro día. “Se vas ao médico e lle dis que tes coronavirus ou síntomas de coronavirus, e te poñen en corentena, o código que o sistema galego de saúde marca identifícache nunha continxencia que a Seguridade Social non contempla co tipo do que permite cobrar o 75%”, indica.
Por iso denuncia que esas baixas que está outorgando o sistema galego de saúde, non se cinxen ao estipulado para casos de incapacidade temporal por enfermidade común asimilada a un accidente de traballo en canto ás prestacións (art. 11 do RDL 7/2020). “Baixas que si garantirían o cobro dese 75% da base reguladora desde o primeiro día, como está estipulado nese decreto do goberno”.
Fronte a isto denuncia que “a Xunta está a dar as baixas ordinarias, o que implica que os 3 primeiros días estás sen cobrar e até o día 21 de baixa non percibes o 75% da túa base reguladora”.
Necesidade de coordinación
Paulo Carril demanda ademais, da Xunta de Galiza, a posta en práctica dunha actuación coordinada, “que non existe”, asegura, “para paralizar a actividade en centros de traballo onde non hai as mínimas medidas de seguridade sanitaria”.
Nese sentido explica que “a esta altura, do noso punto de vista, unha das prioritarias urxencias é solucionar a falta de actuacións executivas e inspectoras no seguimento e aplicación de todas as medidas preventivas e obrigas legais derivadas da resposta ao coronavirus”. Asegura que “estamos a comprobar a falta grave de coordinación básica entre as diferentes Administracións (Consellería de Sanidade, Consellería de Emprego e Inspección de Traballo) ante as diferentes denuncias e incidencias que se están a producir”.
Neste sentido apunta que a Administración Pública, galega e estatal, deben deberan de ser exemplares na adopción destas medidas para os e as súas empregados e empregadas, “pero non o están sendo”.
Para Carril, “ante a falta de medios, hai que parar”, porque non se pode permitir que a xente traballe sen EPIS neses servizos esenciais. Xunto a isto denuncia que “a policía, no canto de garantir que o persoal que segue traballando o faga de forma segura, andar a exercer un labor de control social pola rúa.”