A CIG esixe a Ferroatlántica e ás centrais estatais que desistan da negociación do Acordo Marco para substituír os convenios de empresa
A CIG amosa o total rexeitamento ao “Acordo Marco” que a empresa pretende sacar adiante coa complicidade das organizacións sindicais españolas e que suporá vincular os diferentes convenios de empresa en vigor na actualidade e así llo manifestou nunha das reunións á que foi convocada en Madrid. Nesa xuntanza, ao ao igual que o comité de Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas e os delegados de RAMSA da mina de Serrabal, a CIG presentou os escritos correspondentes pedindo que dirección da empresa e as centrais estatais desistan da negociación do mencionado Acordo Marco.
Esta negociación constitúe unha usurpación da lexitimidade de negociación dos comités dos centros de traballo, xa que a dirección recoñece como interlocutores os e as representantes das centrais sindicais, e non á representación legal elixida por centro de traballo. No escrito presentado na reunión pola CIG, indícase que con esta negociación vulnérase o «principio de non concorrencia entre convenios colectivos», conforme o cal un convenio colectivo, durante a súa vixencia, non pode ser afectado por convenios de distinto ámbito.
Hai que destacar tamén que no ámbito galego xa existen 3 convenios colectivos (Cee, Sabón e Serrabal) que actualmente están en vigor e coas súas comisións negociadoras constituídas e plataformas presentadas, é dicir, en fase de renovación e que este “acordo marco” pretende liquidar.
A CIG promove e apoia as mobilizacións do persoal
Por todo isto, a CIG promove, convoca e apoia os calendarios de mobilización que os distintos centros de traballo poñan en marcha, como é o caso da concentración que o Comité de Cee-Dumbría-CCHH desenvolveu esta tarde ás portas da fábrica de Brens (mobilización á que corresponden as imaxes da nova), coincidindo cunha nova xuntanza en Madrid.
Coa protesta quérese amosar o rexeitamento a este “Acordo Marco”, que na práctica supón un retroceso de dereitos conquistados durante tantos anos na negociación colectiva nos distintos centros de traballo.