
A CIG-Ensino presenta no rexistro 1.025 sinaturas do persoal dos centros de infantil 0-3 en demanda dun convenio galego

Esta mañá delegadas da CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, entregaron no rexistro da Xunta as 1025 sinaturas recollidas, o que representa un apoio de máis da metade do persoal que traballa nestas escolas. Ademais, tivo lugar unha concentración para reivindicar mellores condicións de traballo, salarios dignos e esixir á conselleira de Política Social a interlocución coas empresas do sector, que en Galiza están integramente subvencionadas, para negociar un convenio galego.

Este colectivo é nestes intres dos máis precarizados laboralmente en Galiza, malia a enorme responsabilidade e o traballo esencial que realizan a nivel social. A sinatura este mesmo mes en Madrid do XIII convenio estatal supón unha prórroga do anterior que mantén salarios conxelados desde o ano 2021 e por debaixo do SMI. En palabras das delegadas presentes na concentración trátase “dunha involución e dun desprezo ao traballo que realizamos e que afecta á calidade da atención educativa dos nenos e nenas”, ademais de que se “negociou” de costas ás traballadoras que se mobilizaron con até 6 xornadas de folga en Galiza en contra da súa aprobación.
A campaña “Pola mellora das condicións laborais, sociais e salariais: convenio galego xa!” acadou o apoio maioritario das traballadoras do sector que recolleron máis de 1000 sinaturas en demanda dun marco galego de relacións laborais despois da nefasta pseudonegociación do XIII Convenio estatal asinado o 5 de marzo por tres organizacións que ademais en Galiza son totalmente minoritarias.
As características do sector no noso país, condicionado porque a Xunta subvenciona integramente a matrícula nestes centros, e o feito de que USO, UGT e FSIE non teñan apenas representación fai, se cabe, aínda máis necesario que se negocie a nivel galego un convenio que dea cobertura ás arredor de 2000 traballadoras que traballan nos centros privados de xestión directa ou públicos de xestión indirecta por empresas privadas do 1º ciclo de educación infantil.

Tal e como explicou unha representación deste persoal, trátase de escolas privadas de xestión directa e escolas públicas de xestión indirecta (municipais, do Consorcio...) por empresas privadas na súa maioría, así como tamén algunhas escolas de obras sociais e caixas de aforro, todas elas subvencionadas coa gratuidade no sector decretada pola Xunta de Galiza.
Henrique García, responsábel do sector de Ensino Privado da CIG-Ensino, instou a Fabiola García a “tomar nota dunha realidade que mantén oculta e invisibilizada, permitindo que se dea un servizo low cost no que ten a ver coa situación laboral e salarial das traballadoras, que nalgúns casos chega á explotación laboral”.
Neste sentido Natalia Seijo, delegada da CIG-Ensino e educadora nunha escola de Santiago, explicou a precariedade salarial e laboral na que desempeñan o seu traballo e que “soportamos por vocación e profesionalidade, pero que non nos dá para pagar as facturas. Somos traballadoras pobres, segundo a Carta Social Europea, pois levamos desde o ano 2021 cobrando o SMI e moitas compañeiras incluso están por debaixo desta cantidade”. No referente á xornada laboral manifestou que “esta non remata ao finalizar o noso traballo na escola, toda ela con atención directa e 38h. semanais, senón que temos que programar, preparar material e organizar as clases fóra dese horario e de xeito non remunerado”.

Para Ana Rodríguez, delegada e educadora nunha escola de Arteixo “son totalmente abusivas as ratios reguladas no Decreto 329/2005 (8 nenos/as até 1 ano; 13 de 1 a 2 anos e 20 de 2 a 3 anos) cando a Rede de Atención á infancia da Comisión Europea recomenda 4, 6 e 8 respectivamente, ou mesmo contar coa parella educativa como ten a Xunta nas escolas públicas da Galiña Azul ou da Axencia Galega”. Tamén reivindicou “o dereito a un calendario escolar que nos permita a conciliación da nosa vida laboral e familiar, da cal carecemos, e poder gozar de permisos e licenzas que superen os básicos recollidos no Estatuto dos/as Traballadores/as”.
Campaña “Convenio galego xa!”
No texto da iniciativa recóllese expresamente a solicitude de contar cun “convenio galego” que dea resposta ás necesidades e demandas laborais do seu persoal, pero tamén a unha mellor atención dos usuarios e usuarias deste servizo en Galiza. Reivindicacións que non foron atendidas na sinatura do XIII convenio estatal por todas as patronais estatais do sector e un trío sindical que Henrique García cualificou de “cómplices e submisos, que desoen as demandas das traballadoras virándolles as costas e que asinan un convenio en precario, impositivo, fraudulento e sen negociación real, que pecha unha década sen avances en dereitos laborais, sociais e salariais”.
Neste sentido, detallou que supón unha prorroga do “mísero XII Convenio de 2019, sen recoñecer os atrasos salariais que acumulan as traballadoras coa conxelación destes desde 2021 até 2024, perdendo máis do 15% (IPC) de poder adquisitivo neste período e que as novas táboas salariais de 2025 ate o curso 2028-2029 non recuperan, nin garanten nos futuros salarios, manténdose algúns salarios incluso por debaixo do SMI (ao no garantir que esta contía sexa o SB e permitir que se absorban complementos)”.

Non se recolle, así mesmo, un diferencial salarial para as educadoras con respecto ás PSX e aumentan as fendas salariais nas mesmas categorías segundo o tipo de xestión de centros (xestión directa versus xestión indirecta) que na Galiza ao ser toda a etapa gratuíta suporá “competencia desleal” entre os distintos tipos de centros onde estes convivan. Ademais, mantéñense as xornadas abusivas, penalizacións económicas por estar de baixa laboral, non se incorporan melloras a respecto de licenzas e permisos máis alá do estritamente recollido no Estatuto dos e das Traballadoras etc.
A CIG-Ensino, como sindicato maioritario no sector comezou esta campaña despois de participar cos sindicatos estatais na loita por mellorar o convenio estatal (malia non estar a favor do ámbito de negociación pero antepoñendo os intereses das traballadoras galegas) e de que esta virara en “entreguismo ao bloqueo patronal que estendeu artificialmente a negociación durante máis de tres anos”.
A CIG e as súas delegadas, xunto coas traballadoras que asinaron esta campaña, non contaron co apoio das demais OO.SS, asinaran estas ou non o convenio estatal, polo que fai un chamamento a que todo o sector presione e loite polo marco galego de relacións laborais, máis cando o Estatuto dos Traballadores/as (E.T.) recolle agora a prevalencia dos convenios autonómicos sobre os estatais e sendo este o único camiño que queda para dignificar o sector. Outro ámbito, que é o local nos concellos, tamén o está a dar a CIG como é o caso da R.E.I.M.s na cidade da Coruña.

Nesta liña, a CIG fai un chamamento á organización sindical das traballadoras, dado que só 57 escolas das 259 contan con representación e nun sector tan precario é preciso dispoñer de delegadas de persoal, que terían para facer traballo sindical 15 horas laborais mensuais cada unha, máis cando o sector ten uns servizos mínimos abusivos nas convocatorias de folga e non haber patronais constituídas como tal, para facilitar a apertura de negociacións.
Malia as diferenzas obvias cos propietarios e propietarias das empresas con implantación en Galiza nos próximos anos vai haber moita problemática a respecto de aplicar as distintas táboas salariais segundo o tipo de xestión das escolas infantís, que foron deseñadas para outros territorios que non teñen o modelo de gratuidade de Galiza, polo que tamén lles interesa unha regulación laboral autonómica, tendo deste xeito intereses comúnscoa parte social.
Neste sentido están previstas reunións coas distintas empresas do sector e AGADEI (Asociación maioritaria), coa CEG (Confederación Empresarios Galiza), así como cos distintos Grupos Parlamentares Galegos. De non producirse avances nin unha mediación directa da conselleira “as traballadoras están dispostas a iniciar un proceso de mobilizacións para exixir o cumprimento destas demandas, xustas e xustificadas, máis cando dende as administracións se nos declara “servizos esenciais”, concluíron.