A CIG-Ensino fai un chamamento a todas as persoas que traballan no sector educativo a ficar na casa
Desde o comezo da emerxencia sanitaria e o estado de alarma a CIG-Ensino tivo claro que o profesorado galego, así como todo o persoal que traballa nos centros educativos, unha vez pechados estes, tiña que quedar na casa. Así llo fixo ver á Consellaría de Educación, na mesma liña que o sindicato vén defendendo de paralizar todas aquelas actividades económicas que non sexa imprescindíbeis.
A Consellaría, instrución tras instrución, foi variando a súa postura sen querer recoñecer o que todos sabemos, que o profesorado e o resto do persoal, unha vez pechados os centros, ten que quedar na súa casa. Neste sentido, a CIG-Ensino lembra que foi o propio Director Xeral de Centros e Recursos Humanos o que afirmou na última Mesa Sectorial, “que vai facer o profesorado nos centros sen alumnado?”. A este respecto, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello afirma que “claro está que se refería ao profesorado madrileño, un día antes de que o noso goberno decidise facer o mesmo co profesorado galego, unha obriga de permanencia física que foi variando até que quedou claro que coas últimas instrucións da Consellaría non existe motivo nin obrigas para acudir aos centros educativos galegos. Todo o persoal dos centros educativos, incluídas as direccións, pode e debe permanecer nas súas casas”.
Porén, a CIG-Ensino segue denunciando o desleixo da consellaría co seu persoal, por volver deixar en mans das direccións a decisión de ir ou non ir aos centros, “mais é moi importante que, por precaución e pola seguridade da nosa saúde non vaiamos aos centros, xa que non existe obriga alguna”, insiste Bermello.