A CIG-Ensino critica o recorte horario de atención aos usuarios da oficina de MUFACE en Compostela
O persoal mutualista da área de Compostela, a maioría docente, recibiu onte un correo de MUFACE no que lle informaban de que a partir do luns, 16 de setembro, a oficina de Santiago só estará aberta os luns e xoves laborais de 9 a 14 horas.
A CIG-Ensino denuncia que o resto de días as persoas usuarias teñen que desprazarse á Coruña ou facer as xestións a través da páxina web da mutualidade.
No correo especifícase tamén que de precisarse receitas con visado poden remitirse por correo postal á oficina do Servizo Provincial na Coruña e que se lles devolverán por esta mesma vía.
Desde a CIG-Ensino alertan do desmantelamento do servizo presencial de MUFACE que atende tanto a docentes en activo como a pensionistas, entre outros colectivos de funcionariado, independentemente de que se acollan á prestación sanitaria no SERGAS ou nas entidades privadas.