A CIG-Ensino consegue melloras por riba de convenio no Plan de Igualdade da Asociación Down

Benefician a máis de 100 persoas traballadoras e dentro de dous anos se abordarán outros avances, antes da finalización do período de aplicación deste Plan
Nacional - 29 Out 2024

A CIG-Ensino celebra as melloras conseguidas, por riba de convenio e que benefician a máis de 100 persoas traballadoras, no Plan de Igualdade da Asociación Down. Entre as medidas incorporadas está o incremento nunha semana do permiso retribuído por nacemento e coidado de menores; a posibilidade de gozar do chamado "permiso de lactación" até os 12 meses de vida da crianza desde o seu nacemento ou adopción; o incremento do permiso por defunción de familiares directos até os 7 días; facilidades para realizar formación en horario laboral; seguir promovendo a xornada continua e a transformación de contratos temporais en indefinidos, así como outros avances contra o acoso na contorna laboral.

Despois dunha negociación de meses e de 4 reunións nas que a CIG-Ensino levou sempre a iniciativa, conseguiuse chegar a un acordo coa empresa para aprobar o primeiro Plan de igualdade nas Asociacións Down Galiza, Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Ferrol, que terá impacto no persoal que traballa en 7 centros desta entidade.

Nel recóllense varias melloras con respecto ao convenio de centros e servizos de atención a persoas con discapacidade, que é polo que se rexe esta empresa, na que, por certo, a CIG non ten representación sindical, o que fai aínda se cabe máis meritoria a aprobación deste plan que se estende a máis dun cento de traballadoras.

No acordo, ratificado entre xullo e setembro nas distintas asociacións, establécese a implantación das medidas recollidas no Plan que van desde o curto prazo, neste primeiro ano, até o compromiso de realizar unha nova negociación en 2026, coincidindo coa metade da súa aplicación, sobre propostas de mellora en materia de conciliación laboral e familiar.

Medidas a implantar acadadas pola CIG-Ensino
  • Aumentar unha semana o permiso retribuído por nacemento e coidado de menores, a maiores das 16 semanas.
  • O permiso de lactación poderá gozarse polo persoal con fillas e fillos menores de 12 meses, tanto na modalidade de redución da xornada diaria en unha hora (ou en dúas fraccións de media hora), como no que respecta á acumulación do permiso en xornadas completas (neste caso a duración será de catro semanas a acumular, de así decidilo a persoa proxenitora, ao permiso por nacemento e/ou coidado de menor. No caso das adopcións de crianzas menores de 12 meses, as persoas proxenitoras terán dereito á mesma duración do permiso. Até agora era só até os 9 meses.
  • Aumentar a 7 días o permiso por falecemento de pais/nais e irmáns (eran só 3 días).
    Promover a realización de até 32 horas de formación ás que terán dereito as traballadoras/es dentro da súa xornada laboral anual. (O convenio marca 25)
  • Compensar con tempo de descanso equivalente a formación obrigatoria da empresa que sexa fóra da xornada laboral.
  • Promover a contratación indefinida ou de longa duración para as persoas con contratos temporais, incluso aqueles contratos xa vencidos sempre e cando non se superen 12 meses de desvinculación, agás os vinculados a proxectos que na convocatoria así o esixan. O calendario desta medida sería durante a vixencia do Plan de igualdade. Trátase dunha medida que non precisa de recursos económicos nin materiais propios para a súa implantación, tal e como defendeu a CIG-Ensino durante a negociación.
  • Garantía do dereito de reserva do posto de traballo durante todo o tempo de excedencia por coidado de fillas, fillos ou familia dependente (ata agora era só durante dous anos).
    Continuar promovendo, na medida do posible, a xornada continua fronte á xornada partida como medida de conciliación.
  • Ofertar, con presenza ao persoal que traballa a tempo parcial con contrato indefinido, as vacantes que se produzan a tempo completo.
  • Posibilidade de flexibilizar o uso dos días de permiso por hospit alización ou enfermidade de persoas a cargo, de xeito alterno/fraccionado (medida da empresa aprobada).
  • Formar en prevención do acoso ás persoas da comisión instrutora do protocolo antiacoso, tendo en conta as novidades da chamada “Lei Trans” polo que se deben contemplar aqueles comportamentos contra a liberdade sexual, a orientación e identidade sexual e a expresión de xénero das persoas traballadoras.