A CIG-Ensino chama a mobilizarse nas escolas de infantil de 0-3 ante a pasividade do sindicalismo estatal
A CIG-Ensino non comparte a inacción dos sindicatos estatais, maioritarios na mesa negociadora dun convenio que se negocia en Madrid, e chama a cumprir o compromiso acadado en xullo para reactivar as mobilizacións e a presión social, como único medio de cambiar a actitude inmobilista das patronais do sector.
O pasado sete de xullo tivo lugar a décima reunión da mesa de negociación do XIII convenio estatal de centros de asistencia e educación infantil etapa 0-3, primeira e única desde as mobilizacións e folgas levadas a cabo no pasado mes de xuño pola parte social.
Segundo denuncia a CIG-Ensino, nela as patronais mantiveron o bloqueo das negociacións co seu inmobilismo propondo como saída acudir en setembro ao SIMA (sistema de mediación e arbitraxe para resolver conflitos, para que un arbitro/a medie e decida). Porén, “xa a piques de rematar o mes seguimos sen novas, nunha clara actitude de gañar tempo e alongar as negociacións coa finalidade de evitar a retroactividade salarial de 2023 (o 2021 e 2022 quedan condenados á conxelación, ao non figurar nas propostas patronais, nin nas da maioría sindical estatal)”, denuncia o sindicato nacionalista.
Incumprimento dos compromisos
Xunto a isto, a CIG-Ensino denuncia que os sindicatos estatais maioritarios incumpriron o compromiso, acadado nesa mesa de xullo, dunha reunión sindical a primeiros de setembro para dar continuidade ás mobilizacións con máis forza e intensidade, dada a actitude irresponsábel da patronal, así como tomar a decisión de irmos ou non, á par, a un SIMA, tal e como propuxeron as patronais.
Dende a CIG-Ensino explican que xa defenderon en xullo rexeitar o SIMA e convocar as mobilizacións para comezos de setembro, sendo rexeitada esta proposta polos sindicatos estatais.
Por iso agora, visto este “silencio cómplice” dos demais sindicatos, “só o podemos ver como unha incapacidade de mobilizar o sector no resto do estado, cando en Galiza se demostrou o contrario e así o recoñeceron en mesa os demais sindicatos, ou como unha nova saída en falso do XIII convenio como xa vén sendo habitual”.
Reactivar as mobilizacións
A CIG-Ensino non comparte esta inacción e pasividade da maioría sindical estatal na mesa negociadora e chama publicamente a cumprir o compromiso de reactivar as mobilizacións e a presión social, “como único medio de cambiar a actitude inmobilista das patronais do sector e así podermos acadar melloras reais e significativas que dignifiquen este convenio”.
Por un Marco Galego de Relacións Laborais, tamén para as traballadoras das escolas infantís
Desde a CIG-Ensino trasladaron unha vez máis as súas críticas a estas mesas negociadoras estatais, nas que de novo se volve a evidenciar a falta de negociación. É por isto, que vista a resposta tan maioritaria nas mobilizacións e na folga que houbo en Galiza, con respecto ao resto do Estado, trasladou que de non dignificar este convenio estatal, seguirá loitando até acadar un convenio digno nun marco legal de negociación galego, “no que esperemos que todas as organizacións galegas tamén se sumen e respondan, antepoñendo os intereses de a quen din representar”.
Así, a CIG-Ensino defende un Marco Galego de Negociación como única vía de negociación real, na que non se suplante as traballadoras e traballadores por cúpulas sindicais e onde se defendan os seus intereses, non se vendan e intercambien, sendo o persoal dos centros de traballo quen decida para poder dignificar o sector cun convenio galego xusto e digno.