A CIG diríxese novamente ao Consello de Contas para engadir información polos incumprimentos contractuais de Overon
A sección sindical da CIG da CRTVG presentou esta mañá un novo escrito no Consello de Contas para deixar constancia de que Servicios Audiovisuais Overon S. L. comezou a prestar o servizo simultáneo con dúas DSNGs días despois das/os representantes da central sindical poñer en coñecemento do Director Xeral da Corporación o incumprimento contractual detectado, o pasado 9 de marzo.
A sección sindical asegura que o contrato con Servicios Audiovisuales Overon S. L. non se xustifica do punto de vista dunha xestión racional dos recursos públicos, xa que se pode prestar cos medios técnicos e humanos propios da CRTVG, o que “remataría co malgasto de mais de 1 millón de euros anuais de todas as galegas e galegos”.
Prestación do servizo de directos
O pasado 17 de marzo de 2023 a sección sindical da CIG da CRTVG presentou un escrito no Consello de Contas solicitando a fiscalización da prestación do servizo de directos realizada por Servicios Audiovisuales Overon, S.L. para a CRTVG durante os anos en que leva actuando como adxudicataria do servizo, a fin de determinar se pode existir algún tipo de responsabilidade.
A fiscalización solicitouse ao detectarse unha desviación substancial do obxecto establecido no contrato público «CRT-2021-0003: Servizo de produción e transmisión de sinal de directos para a Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A.», consistente en prestar o servizo simultáneo con dúas estacións transportábeis (DSNG), nas mañás, seráns e as fins de semana.
A partir da análise das escaletas de produción dos días 1 de xaneiro a 28 de febreiro do presente ano e o visionado dos correspondentes espazos de programación, puidose concluír que Servicios Audiovisuales Overon, S.L. non prestou o servizo simultáneo con dúas DSNGs ningún dos 59 días observados; 19 días non puxo a disposición do servizo ningunha DSNG, sendo as mochilas 4G o único medio empregado; na maioría dos TX2 prestou un único punto de conexión en directo.
Máis de 50 escaletas revisadas
Como ampliación da análise anterior, revisouse unha mostra sistemática de 53 escaletas de produción representativas do ano 2022, da que se poden tirar as seguintes conclusións:
- Servicios Audiovisuales Overon, S.L. non prestou o servizo simultáneo con dúas DSNGs 37 dos 53 día observados, o 69,8% dos días.
- 12 días (22,64%) non puxo a disposición do servizo ningunha DSNG, sendo as mochilas 4G o único medio empregado.
- Dos 330 servizos de directos prestados nos 53 días que conforman a mostra, nos programas Bos Días, A Revista, Galicia Noticias, TX Mediodía e TX Serán, 163 foron con DSNGs (49%) e 167 con mochilas 4G (51%).
- No TX Mediodía 44 días (83%) non prestou o servizo simultáneo con dúas DSNGs e 16 días (30,2%) as mochilas 4G foron o único medio empregado.
- No TX Serán 49 días (92,5%) non prestou o servizo simultáneo con dúas DSNGs e 24 días (45,3%) as mochilas 4G foron o único medio empregado.
Segundo explica o secretario da sección sindical, Tiago Alvite, “para alén do incumprimento contractual que reflicten os datos presentados, e sen prexuízo das responsabilidades que poidan derivarse, o que demostran é que as mochilas 4G permiten na actualidade cubrir a maior parte das novas en directo, supoñendo un aforro substancial dos custos que implica operar con DSNGs”.
Alvite afirma que a decisión da dirección da CRTVG de prescindir da súa propia DSNG desde o 1 de xaneiro do presente ano, ao tempo que mantén inalterado o contrato con Overón, “contradí a Lei de Contratos do Sector Público, que establece como xustificación para recorrer á contratación externa a insuficiencia de medios propios”.
Lembra que a produción e distribución de novas en directo afecta a funcións relacionadas cos dereitos fundamentais a comunicar e recibir libremente información veraz. “A xestión externalizada dese servizo supón que as persoas traballadoras encargadas de elaborar os contidos informativos deixan de ter a consideración de empregados públicos, coa conseguinte desafección das obrigas legais impostas a estes últimos en relación coa defensa do interese xeral e co deber de actuar consonte aos principios éticos e de conduta regulados no Estatuto Básico do Empregado Público”, conclúe.