A CIG desmárcase da sinatura dun convenio que empobrece máis o persoal da hostalería da Coruña
A CIG-Servizos non asinará o novo convenio da hostalería da provincia, que terá lugar o vindeiro 12 de xuño en Compostela, por non garantir o mantemento do poder adquisitivo dos salarios das traballadoras e traballadores, xa que as subas pactadas para os anos de vixencia (2021-2024) quedarán por debaixo do IPC real. Isto resulta especialmente lesivo tendo en conta os baixos salarios do sector e o medre imparábel da carestía da vida, que se agarda siga á alza nos próximos meses.
Cómpre recordar que a última actualización salarial para os traballadores e traballadoras reguladas polo convenio de hostalería da provincia foi no ano 2018, de acordo ao IPC interanual consolidado do ano anterior, isto é, o 1,1%. Dende ese ano e até 2020 a perda do poder adquisitivo dos salarios no sector xa acadou o 1,5%.
Dous anos durísimos para o persoal do sector
Mais hai que matizar que no ano 2020, o sector foi duramente golpeado pola pandemia. Este golpe, iniciado en marzo, foi respondido polo Goberno do Estado con medidas económicas fortísimas para protexer con diñeiro público a patronal: bonificacións nas cotizacións á Seguridade Social, exencións tributarias ex profeso, eliminación ou suspensión de impostos, créditos ICO...; por non falar das medidas adoptadas por outras administracións e que aínda están vixentes: terrazas gratis ocupando a vía pública, axudas ao alugueiro, impostos municipais cancelados etc.
Unhas medidas, denuncia a CIG-Servizos, "ao servizo da predadora burguesía da hostalería", que se ofreceron ademais sen condicionantes, vendéndose por parte do Goberno español como medida estrela que as empresa deberían manter o persoal durante seis meses tras a reactivación da actividade.
Pero a realidade da clase obreira foi, entre tanto, terríbel: nun sector onde unha porcentaxe moi elevada de horas se fai en b, pasouse a cobrar como estando no desemprego (e polo tanto percibindo o 75% do salario que se cotiza, e non do que se cobra nin do que se traballa), cotizando a maiores tamén pola prestación recibida (xa que non se eximiu nin se bonificou á clase traballadora). "Iso si, con outra medida estrela para colgarse a medalla: até outubro dese ano as prestacións de desemprego non devindicarían o período a que se tivese dereito. Outra conquista", ironiza a CIG-Servizos.
Neste senso, critican que nesa fase en que a diferenza entre as persoas ricas da hostalería e a inmensa maioría pobre ou moi pobre se afondaba, o autodenominado Goberno máis progresista da historia "adoptaba un discurso 'salvapatrias' por manter aboiando un dos sectores mais precarios da economía (im)produtiva do país".
Chegado o ano 21, co 6,5% de alza dos prezos, sumado a ese anterior 1,5% de perda de poder adquisitivo dos soldos, e con dous anos xacobeos "de regalo" da Xunta, a hostalería comezou a recuperar de forma masiva a ocupación pre-pandémica, ao punto de ter superado xa cifras de 2019 e batido récords, por exemplo, de chegada de cruceiros.
Máis carga de traballo pero non se garante o poder adquisitivo dos salarios
Nesta tesitura, subliña a CIG-Servizos, as traballadoras e os traballadores do sector acumulan carga de traballo de forma inxente en grande parte grazas ao antedito: a intervención salvadora da administración máis progresista da historia non contemplou condicionantes para o aceso ás axudas, co cal o enfraquecemento das empresas durante a pandemia non ten analoxía coa recuperación do emprego tras dela. Isto é, as persoas que continúan nas empresas fano cunha carga de traballo maior a causa do descenso na contratación e a recuperación ou mesmo o incremento da demanda da clientela.
Maior carga de traballo e unha vida un 8% máis cara, que na momento da sinatura do convenio chegará a un acumulado superior ao 10% (xullo de 2022), e sen percibir atrasos por todos os anos anteriores.
Porque o preacordo contempla unha suba do 4% para 2022, do 3,75% en 2023, e do 4% en 2024. Cunha paga lineal de 342€ en outubro en concepto de plus de convenio, para evitar así a referencia aos atrasos polos meses de xaneiro a xuño (ambos incluídos) do pasado ano.
Non se contempla unha cláusula de revisión anual ligada ao IPC real, senón que as compensacións atrásanse ao final da vixencia do convenio e ademais impónselle un tope, de tal maneira que se a 1 de xaneiro de 2025 o IPC acumulado nos tres anos anteriores supera o 11,75% de suba por convenio, actualizarase o 50% da diferenza entre ese 11,75% e o IPC. "A única garantía que ofrece esta cláusula é que imos perder máis da metade do poder adquisitivo dos salarios", advirte a CIG-Servizos.
A presenza da CIG na negociación permitiu introducir melloras no convenio
No relativo aos demais puntos do convenio, aínda que o foco sempre se coloque na cuestión salarial, a presenza da CIG serviu para que a longuísima negociación se saldara evitando o precipicio que CCOO e UGT estaban en disposición de asumir: a creación dunha dobre escala salarial cunha rebaixa ao 85% para a mocidade a as persoas maiores sen prestación de desempregado "para maior beneficio da patronal hostaleira máis pirata da provincia".
A presenza sindical da CIG tamén serviu para garantir a presenza do sector do persoal repartidor adscrito ás empresas hostaleiras como persoal con categoría propia, impedindo o recurso a convenios como o terríbel PRODELIVERY asinado por UGT e CCOO en Madrid.
Tamén se introduce no convenio a aplicación deste a empresas externas, garantindo así na letra do mesmo o que o Estatuto das persoas traballadoras do Goberno de PSOE-UP "deixou feito un desastre con controversias que permanecerán no futuro".
A desconexión dixital, regulada legalmente, será así mesmo introducida no articulado co fin de garantir o seu coñecemento polos traballadores e traballadoras.
Outro dos temas máis interesantes do novo convenio, nun sector no que medra de maneira exponencial o "modelo burgerking" de contratación (contratos parciais a eito), será a extensión do concepto de vacante a unha múltipla modalidade de temporais e definitivas, alargando o concepto restrito xurisprudencialmente, e permitindo desta forma que os traballadores e traballadoras se acollan ao convenio para exixir o dereito ao aumento de xornada.
Peculiar, mas non por isto menos importante, é o acordo de 20€ por cada unha das 15 nóminas, en caso de que o empresario/a non garanta cursos de formación en tempo de traballo de calquera das partes da comisión tripartita.
Por último, garantirase que a efectos salariais o persoal axudante de cociña e camareiro será ascendido a cociñeiro e camareiro automaticamente aos 2 anos de servizo, e que nas táboas salariais se equiparará, á alza, a diferenza inexplicábel duns poucos euros por nómina que existe entre persoal de cociña e o de sala.