A CIG desenvolve protestas simultáneas en todas as empresas da automoción galega
Centos de traballadores/as da automoción galega desenvolveron hoxe concentracións simultáneas convocadas pola CIG-industria en todas as compañías do sector en Vigo, Pontevedra e Ourense para sensibilizar os cadros de persoal das graves ameazas que enfronta o sector e alertar as empresas ante o futuro incerto que teñen por diante como consecuencia da parálise na industria do coche eléctrico, do escurantismo de Stellantis a respecto dos plans para a planta de Vigo e da falta dunha política industrial por parte da Xunta de Galiza.
As mobilizacións tiveron lugar de 13:00 a 15:00 horas, coincidindo cos cambios de quenda, ás portas dun total de 24 compañías -tanto de fabricación como de compoñentes- da industria galega do automóbil nas comarcas viguesa, pontevedresa e ourensá baixo o lema 'Nin reconversión, nin deslocalización. Emprego con dereitos'.
Tal e como explicou o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, que participou na protesta celebrada diante de Stellantis en Vigo, esta nova acción fai parte da campaña en defensa do sector que desenvolve a central sindical.
“Despois das mobilizacións no Concello de Vigo para denunciar as promesas incumpridas a respecto da automoción, na Xunta pola súa falta de política industrial e en Stellantis por agochar o verdadeiro plan que ten para a planta de Vigo hoxe facémolo diante de todas as empresas para sensibilizar os cadros de persoal e alertar da situación”, sinalou o responsábel sindical.
Bouzas considera “intolerábel” os anuncios que tanto as compañías como as distintas administracións están a facer sobre o sector “mentres asistimos a unha baixada na fabricación do vehículo eléctrico, ao que fiaron o futuro da automoción”. E alertou que as constantes paradas que está a facer Stellantis -como a última de 10 días que vén de anunciar- auguran unha nova vaga de despidos, ERE e ERTE. “Insisten en que os custes laborais son moi altos, o que motivaría os despidos, mais o certo é que os beneficios empresariais están disparados”.
Nova mobilización
O secretario nacional da CIG-Industria lamentou que o único que pretenden as empresas con esta estratexia sexa seguir recibindo máis cartos públicos, “polo que seguiremos a reclamar que a concesión de subvencións se vincule co mantemento do emprego e das condicións laborais”. Ao mesmo tempo, censurou que co seu “silencio” as compañías son “cómplices” desta política (escurantismo de Stellantis e falta de plan industrial da Xunta) que ameaza a supervivencia dun sector estratéxico para o país e fundamental para estas tres comarcas.
Lembrou que a CIG leva tempo denunciando que a situación que atravesa o sector está a ter consecuencias directas sobre as condicións de traballo, “xa que nos atopamos inmersos/as nun novo proceso de precarización laboral (salarios, xornada, dereitos sociais) ante o que é necesario mobilizarse en defensa do sector, do emprego e das condicións de traballo”.
Neste senso, anunciou que a central sindical levará a cabo unha nova protesta o vindeiro venres 18 de outubro, coincidindo coa folga convocada en Italia en Stellantis e nas empresas auxiliares ante a baixada da produción.