A CIG denuncia que o novo acordo para a prórroga dos ERTE afonda na desprotección da clase traballadora
A CIG advirte que, a estas alturas da evolución da crise sanitaria, convertida nunha contundente crise social e económica, chegar a un novo acordo para a prórroga dos ERTE nas características do que se acaba de asinar, supón afondar no abuso patronal e un enorme prexuízo para o conxunto dos traballadores e das traballadoras.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denuncia que estamos ante un novo episodio do diálogo social no que se vai consumando unha reedición dos Pactos das Moncloa "a través dun pacto social que en cada ocasión que se manifesta con acordos deste tipo, implica facer recaer na clase traballadora os custes desta crise". "Igual que no acordo anterior, critica Carril, este tamén ten as bendicións do PP e de Ciudadanos, confirmando así que o roubo e saqueo á clase traballadora se mantén".
Non avanzar nestes acordos no desmantelamento das reformas laborais significa non resolver situacións como as que temos en Galiza coas amezas ao emprego de Alcoa ou os peches das térmicas"
Por iso, entende que resulta lamentábel que UGT e CCOO contribúan a construír esta realidade nun momento económico e social tan duro, no que as políticas neoliberais, a obsesiva recentralización e o abuso patronal campa as súas anchas, mentres a reforma laboral do PP segue vixente e sen perspectivas de ser derrogada.
Un acordo que non contribúe a resolver os problemas industriais e laborais de Galiza
Este prórroga, ademais, prodúcese nun contexto no que en Galiza estamos a vivir de forma especialmente intensa as consecuencias da crise social derivada da pandemia, "pero metidos de cheo na crise industrial que xa viñamos arrastrando. Este pacto social non resolve os problemas que padecemos, mais ben ao contrario, dificulta unha saída xusta e galega".
Carril subliña que calquera medida para afrontar o crítico momento actual non pode manterse sobre a vixencia das políticas laborais e económicas aplicadas con dureza polo PP. "Nomeadamente, manter a reforma laboral na súa integridade e non avanzar nestes acordos no seu desmantelamento significa non resolver situacións como as que temos en Galiza coas amezas ao emprego de Alcoa, os peches das térmicas ou o desmantelamento acelerado do noso tecido produtivo", salienta.
Neste senso, denuncia que o acordo que se vén de asinar amplíe a duración temporal do anterior, mantendo aqueles aspectos máis negativos, ampliando as exoneracións ás empresas e adoecendo de garantías de salvagarda do emprego. "É dicir, afonda na desprotección e na falta de solución para todos os traballadores temporais que foron despedidos dende o 14 de marzo".
Ausencia dunha política fiscal progresiva
Xunto a isto, a CIG critica que nesta situación extraordinaria se siga xerando un enorme gasto público financiado a conta dos cartos das traballadoras e traballadores, xa que se están a derivar para tal fin fondos da Seguridade Social, do FOGASA e do SEPE; mais non se implementan políticas fiscais progresivas nin se recorre á utilización doutras partidas (como os gastos militares, ou os destinados á casa real).
Así mesmo, neste acordo evidénciase un aspecto que dende a CIG viñamos denunciando e que segue sen ten solución: a problemática tanto dos traballadores e traballadoras que están actualmente no desemprego dentro dun ERTE, como aquelas persoas traballadoras que foron despiadadamente despedidas, que non son reincorporadas a traballar e que están consumindo as prestacións por desemprego porque non lles aplica o "contador a cero".
Todas estas persoas vén reducidos drasticamente os seus ingresos a partir do día 181 do cobro da prestación, xa que pasan a percibir unicamente o 50% da súa base reguladora. Este foi un recorte que impuxo o PP no ano 2012 e que a día de hoxe segue vixente.
Obrigas de recuperación de emprego e garantir os ingresos
A CIG defende que calquera negociación sobre a aplicación dos ERTE debe facerse sobre a base de avanzar na derrogación das reformas laborais de 2010 e 2012, recuperando para a súa validez o acordo coa representación sindical e o exercicio do control e, no seu caso, a autorización previa pola Administración.
A clase traballadora está a sufrir un reforzamento da reforma laboral por parte do Goberno do estado e do sindicalismo español"
Para minimizar o impacto destas regulacións debe prohibirse ás empresas poder decidir unilateralmente sobre estas medidas, así como simultanear a aplicación dun ERTE con outras medidas lesivas como un descolgue salarial ou a inaplicación do convenio; garantir o cobro do 70% da base reguladora durante todo o tempo que dure a regulación e que se considere como tempo de paro non consumido.
Tamén obrigar as empresas para poder acollerse ao ERTE que completen até o 100% dos salarios; reincorporar progresivamente a todo o persoal temporal da empresa principal ou externas (ETTs , empresas multiservizos, etc.) que foi despedido e, como data límite, facelo no último mes de vixencia do ERTE.
Así mesmo, que todas estas coberturas sexan aplicábeis a todas as persoas traballadoras, incluíndo as que foron despedidas por causa desta situación ou que desde o 1 de xaneiro estiveran xa no desemprego percibindo prestación por desemprego.
En definitiva, con este acordo CCOO e UGT debilitan o papel dos e das representantes sindicais nas negociacións, non recuperan a autorización da autoridade laboral, nin tampouco lle devolven á Inspección de Traballo a súa competencia para emitir informe vinculante e afondan na actual fase de unilateralismo empresarial. A clase traballadora está a sufrir un reforzamento da reforma laboral por parte do Goberno do estado e do sindicalismo español.