A CIG denuncia o afán de empresas e institucións por limitar o dereito á folga o 8M

A Secretaría das Mulleres chama a responder coa folga e nas rúas estes intentos de boicot
Nacional - 07 Mar 2019

A Secretaría das Mulleres da CIG denuncia que hai empresas e institucións, como a propia Xunta de Galiza ou o concello de Betanzos, que están tratando de pór atrancos á folga de mulleres convocada para este 8M. Lembra que é un dereito fundamental e sinala que xa hai denuncias presentadas na Inspección de Traballo por este motivo.

A modo de exemplo sinala o caso de Denso, en Vigo, que nas últimas semanas instou ás traballadoras a informar previamente se tiñan previsto ir á folga, ou casos como o Grupo Copo, onde se tentou coaccionalas dicindo que se ían á folga non poderían cobrar determinados plus.

 

De igual xeito, Vitrasa, a empresa concesionaria do servizo de transporte municipal de Vigo, non lles comunicou ás traballadoras os servizos mínimos que decretou para a xornada de folga, aínda que si os publicou na web de servizo á cidadanía. Ademais, durante toda a semana estivo intentando que o comité lles informase das mulleres que ían secundar a convocatoria.

 

Campaña de fomento do consumo en Sarria en pleno 8 de Marzo

 

Xunto a isto Carme Aira, secretaria das Mulleres da CIG de Lugo, denuncia a campaña de “Outlet de Inverno” que o Centro Comercial Urbano de Sarria-ACES puxo en marcha precisamente para os días 7 e 8 de marzo. “A escolla do 8M para levar adiante unha campaña incentivadora da actividade comercial, coincidindo cunha xornada de Folga de Mulleres, entendemos que é claramente patriarcal. A súa execución colide coa xornada de folga na que se pretende denunciar e visibilizar a discriminación da muller no mundo do traballo”.

 

Aira denuncia especialmente que se programe ademais “nun dos sectores máis feminizados e precarizados, onde os baixos salarios, a conciliación, a temporalidade e os excesos de xornadas son problemáticas propias deste sector”.

 

Institucións con mínimos abusivos, como o Concello de Betanzos

 

No concello de Betanzos, o goberno municipal do PSOE, apoiado pola UGT, CSIF e CCOO impide ás traballadoras da Escola Infantil Municipal facer folga cuns servizos mínimos que obrigan a traballar a 5 das 7 traballadoras que ten a Escola.

 

A gravidade desta decisión é maior tendo en conta que o concello foi denunciado de forma reiterada polas traballadoras e a CIG pola falta de persoal, o que motivou a intervención da inspección da Xunta que lle requiriu que solucionase esta situación.

 

A sección sindical da CIG lembra ademais que neste concello o 77% dos postos con responsabilidade están ocupados por homes e que hai unha grave fenda salarial porque só unha muller, dese 33% que si ten un posto con responsabilidade, cobra a maiores por ela mentres que a perciben a maioría dos homes.

 

Esta situación é máis grave cando se comproba que a fenda salarial mesmo se dá entre homes e mulleres que ocupan o mesmo posto e realizan as mesmas funcións. Unha discriminación que afecta tanto ás funcionarias como as que son persoal laboral.

 

Xunto a isto, a CIG reitera a denuncia dos servizos mínimos abusivos decretados pola Xunta de Galiza, que mesmo incrementou os efectivos previstos o ano pasado precisamente nos sectores e categorías máis feminizadas. Do mesmo xeito que denuncia a actitude de Povisa que a esta altura aínda non comunicou os servizos mínimos, nun intento de boicotear a convocatoria.

 

Diante destas discriminacións e intentos das empresas e Administracións de sabotear a folga, a secretaria das Mulleres chama a todas as galegas a secundala masivamente e a desbordar novamente as rúas para frear as agresións, a desigualdade, as discriminacións e a precarización das condicións laborais que sofren.